A Deputación de Lugo inicia a renovación da LU-P-1301 entre Pedrafita do Cebreiro e Seoane do Courel

A Deputación de Lugo deu inicio ás obras na LU-P-1301, unha actuación que completará a renovación da vía entre Pedrafita do Cebreiro e Seoane do Courel, na que a institución provincial leva investidos máis dun millón de euros. “Cumprimos co noso compromiso de mellorar os 6 quilómetros que quedaban pendentes nesta estrada, fundamental porque é un dos principais accesos ao concello de Folgoso do Courel e ademais é clave para a mobilidade da Montaña”, destacou o presidente da Deputación, José Tomé Roca.
Os traballos, a cargo de Hermanos Pico Yañez SL, afectarán ao tramo comprendido entre os puntos quilométricos 6,8 e 7,3, nas parroquias de Pacios e Lousada. Cun orzamento de 390.000 euros, as obras inclúen o ensanche da estrada ata 10 metros, melloras na drenaxe, afirmado, sinalización e tratamento da paisaxe para minimizar o impacto ambiental nesta zona dos Ancares pertencente á Rede Natura 2000. O prazo de execución previsto é de 10 meses.
Estas actuacións permitirán resolver os principais problemas da estrada, que contaba con tramos de ancho insuficiente, curvas complicadas e rasante irregular, mellorando tamén a drenaxe da auga, a sinalización e as condicións ante inclemencias meteorolóxicas. Nos últimos anos, a Deputación de Lugo acometeu melloras en diferentes tramos, ata o quilómetro 12,51, á altura do Hospital na parroquia de Santa María do Cebreiro. Este conxunto de actuacións beneficiará preto de 2.000 persoas que viven entre ambos concellos e dará servizo a recursos importantes do turismo rural da zona.