A Deputación de Lugo inicia as actuacións do plan de xestión do arborado no Fogar de Santa María

LugoXa
A primeira intervención supuxo a retirada dun pradairo de gran tamaño por motivos de seguridade estrutural e veciñal
Plan-de-xestión-do-arborado-Lugo
29 Jan 2026

A Deputación de Lugo puxo en marcha os traballos considerados de prioridade alta incluídos na segunda fase do plan de xestión do arborado coa tala dun pradairo situado no complexo do Fogar de Santa María.

A actuación responde tanto ás peticións formuladas polos veciños da rúa Deputación como ás conclusións dos informes técnicos, que advertían de que a excesiva curvatura do exemplar comprometía a estabilidade do muro de contención e podía afectar tamén aos edificios da contorna.

Segundo recollen os técnicos do Servizo de Medio Ambiente, permanecen pendentes outras seis intervencións catalogadas como de necesidade alta en instalacións de titularidade provincial. No propio Fogar de Santa María está prevista a poda dun ligustro, tres pradairos e unha palmeira canaria, mentres que no Museo Provincial se actuará sobre un acivro.

A maioría destas actuacións teñen como obxectivo mellorar o saneamento das árbores, reducir riscos e garantir a seguridade, aínda que no caso da palmeira canaria a intervención céntrase na correcta formación do exemplar e na aplicación dun tratamento específico contra a praga do picudo vermello.

O plan de xestión do arborado conta cun investimento de 18.000€ e baséase nun estudo elaborado polos técnicos do Servizo de Medio Ambiente da Deputación. O documento analiza preto de 50 exemplares situados no Pazo de San Marcos, no Museo Provincial e no Fogar de Santa María, e establece unha folla de ruta para compatibilizar a seguridade das persoas coa conservación do patrimonio natural existente nestes espazos.

Con esta intervención, a Deputación de Lugo reforza o seu compromiso coa protección das zonas verdes de titularidade provincial e cunha xestión do arborado que sexa responsable, sostible e segura para a cidadanía.

⚙ Configurar cookies
0.093860864639282