A Deputación de Lugo inicia as obras de mellora da estrada LU-P-3303 entre Monterroso e Guntín

LugoXa
Esta actuación supón un investimento de preto de 133.000 euros e permitirá renovar por completo os case seis quilómetros de vía que ten este trazado
LU-P-3303-obras-Monterroso-Guntin
14 Jul 2025

A Deputación de Lugo vén de comezar esta semana as obras de mellora da estrada LU-P-3303, que conecta os municipios de Monterroso e Guntín a través de Montecalvo.

Esta actuación supón un investimento de preto de 133.000 euros e permitirá renovar por completo os case seis quilómetros de vía que ten este trazado.

A estrada enlaza a N-547, ao seu paso por Montecalvo, coa N-640 en Valdeporrás. Os traballos están a ser executados pola empresa José No Mantiñán e Hijos Construcciones SA, e inclúen a reapertura de cunetas, o saneamento da explanada e do firme, a reparación de afundimentos e outros desperfectos, así como a repavimentación da vía e a reposición da sinalización horizontal e vertical.

O prazo previsto de execución é de tres meses, aínda que se estima que as obras poidan estar rematadas antes se as condicións meteorolóxicas son favorables.

Esta intervención enmárcase na aposta decidida da Deputación de Lugo por mellorar a rede viaria provincial e contribuír ao desenvolvemento socioeconómico dos concellos. Trátase dunha liña de actuación prioritaria para a institución, comprometida coa conservación e mellora da rede viaria provincial, a máis extensa do Estado, con máis de 4.000 quilómetros de lonxitude.

⚙ Configurar cookies
0.18768692016602