A Deputación de Lugo inicia o asfaltado final na Avenida Infanta Elena entre Garaballa e Benigno Rivera

LugoXa
O tramo, de 456 metros, completa a mellora dos 2,7 quilómetros desta entrada á cidade cun investimento total de 2,4 millóns de euros
Aglomerado-Infanta-Elena-Lugo
12 Aug 2025

A Deputación de Lugo comezou o estendido de aglomerado en quente no último treito das obras de desdobramento e humanización da Avenida Infanta Elena, no tramo comprendido entre a glorieta de Garaballa e a de Benigno Rivera.

Esta intervención afecta aos derradeiros 456 metros da vía, cos que se culminará a renovación dos 2,7 quilómetros desta entrada á cidade, un proxecto no que o organismo provincial leva investidos 2,4 millóns de euros.

As tarefas en execución consisten na colocación dunha primeira capa de aglomerado na marxe esquerda, que funcionará como desvío provisional para o tráfico mentres se realiza o asfaltado dos outros dous carrís da calzada. Esta medida permitirá avanzar con axilidade na recta final dos traballos para a reforma integral da avenida, garantindo a seguridade viaria e reducindo as molestias para as persoas usuarias que a percorren a diario.

Cando este tramo estea rematado, a avenida quedará totalmente desdobrada, con entre dous e tres carrís por sentido, carrís bici, beirarrúas amplas, iluminación LED, mobiliario urbano e arborado, mellorando de xeito notable a mobilidade, a accesibilidade e a calidade dos espazos públicos na zona norte da cidade.

Esta fase final, cun orzamento de 1,3 millóns de euros, abrangue o desdobramento e humanización do treito situado entre a glorieta Garaballa de Arriba e a de Benigno Rivera. O tramo, de 456 metros de lonxitude, disporá de dúas marxes de calzada de 10,25 metros cada unha, con tres carrís de circulación por sentido. A marxe dereita contará cun carril bici de 3 metros de ancho, mentres que as beirarrúas, de 4,05 metros en ambos lados, estarán dotadas de arborado, iluminación, bancos e papeleiras.

O proxecto tamén inclúe a renovación e mellora das redes de abastecemento, saneamento e iluminación pública, tendo en conta a situación actual e as posibles necesidades futuras derivadas do desenvolvemento urbanístico da contorna.

⚙ Configurar cookies
0.20525884628296