A Deputación de Lugo intensifica o operativo invernal tras as nevadas xeneralizadas na provincia

LugoXa | SarriaXa
O dispositivo provincial mantén un amplo despregamento de medios para garantir a seguridade viaria, con especial atención ás zonas de montaña
neve-Cervantes
23 Dec 2025

A Deputación de Lugo reforzou o seu dispositivo especial de vialidade invernal co obxectivo de asegurar a circulación e a seguridade nas estradas provinciais despois dun episodio de nevadas xeneralizadas que afectou practicamente a toda a provincia. A incidencia foi especialmente notable nas áreas de media e alta montaña, debido a unhas cotas de neve que se situaron arredor dos 600 metros de altitude.

O operativo provincial mantense activo de maneira continuada desde as 7.00 horas deste domingo, con interrupción da actividade ás 21.00 horas e a súa posterior reactivación ás 3.00 da madrugada para atender unha emerxencia na LU-P-4504. Nesa vía foi necesario rescatar un vehículo que quedara atrapado pola neve e no que viaxaban menores de idade. Desde ese momento, os equipos continúan traballando sen descanso para limpar as estradas e garantir condicións seguras de circulación.

Ao longo deste domingo, a institución provincial decidiu ampliar o dispositivo inicial, que pasa a contar cun total de 16 máquinas quitaneves, 16 vehículos de apoio e 64 operarios, tras a incorporación de 16 efectivos adicionais. Ademais, reforzáronse os medios materiais coa suma de 8 vehículos máis equipados especificamente para a retirada de árbores e pólas, co fin de facilitar o avance das quitaneves e axilizar a reapertura das vías afectadas.

As actuacións céntranse prioritariamente nos concellos situados a maior altitude, aínda que a extensión da neve obrigou tamén a intervir en estradas do cinto comarcal, como a LU-P-1611 ao seu paso polo concello de Castroverde. As únicas comarcas que non rexistraron afeccións destacables foron A Mariña e A Ribeira Sacra.

Nas últimas horas, os efectivos do dispositivo provincial tiveron que auxiliar e retirar da calzada arredor de 30 vehículos. Trátase tanto de persoas que non podían acceder ás súas vivendas como de condutores que se desprazaron á zona da Montaña atraídos pola presenza de neve. A Deputación de Lugo realizou un chamamento á responsabilidade nos desprazamentos para non entorpecer os labores de limpeza e preservar a seguridade viaria.

Ademais da acumulación de neve, os equipos están a afrontar a caída de arboredo e pólas provocada polo peso da neve acumulada nas copas das árbores. No concello do Incio, a caída de árbores afecta a varias estradas provinciais, polo que se prevé que os traballos de limpeza se prolonguen durante algunhas horas máis ata poder restablecer por completo a circulación.

Noutra zona da rede viaria provincial, na LU-P-5713 que comunica Sarria con Piñeira, foi necesaria unha intervención tras o desprendemento parcial da fachada dun edificio, que provocou a caída de cascallos sobre a estrada e obrigou a realizar tarefas de limpeza da vía.

⚙ Configurar cookies
0.080951929092407