A Deputación de Lugo investirá 350.000 euros na mellora de catro estradas en Lugo, O Corgo e Láncara

LugoXa | SarriaXa
No caso de Lugo e O Corgo, licitáronse obras para mellorar tres estradas que conectan os municipios; mentres, en Láncara, o proxecto mellorará a estrada que vai da Pobra de San Xiao a Carracedo
Pablo-Rivera-Deputación-de-Lugo
14 Mar 2025

A Xunta de Goberno da Deputación de Lugo aprobou a licitación das obras para mellorar catro estradas que atravesan os concellos de Lugo, O Corgo e Láncara, cun investimento global de 350.000 euros.

O deputado de Promoción Económica e Social, Pablo Rivera Capón, subliñou o esforzo continuado da institución por mellorar a rede viaria da provincia. “Seguimos a facer un esforzo investidor importante para rehabilitar, manter e mellorar as nosas estradas, cumprindo co compromiso do Presidente”, indicou Rivera Capón.

No caso de Lugo e O Corgo, licitáronse obras por valor de 276.894,63 euros para mellorar tres estradas que conectan ambos concellos. A actuación incluirá a reapertura de cunetas, reparación de danos, repavimentación e pintado das vías. As intervencións afectarán a tres tramos: os últimos cinco quilómetros da LU-P-1602, que conecta San Cristovo e Romeán; os primeiros quilómetros da LU-P-1606, entre Adai e Queizán de Abaixo; e os últimos metros da LU-P-2918, que une Lugo con Adai, pasando por Santa María de Bóveda.

En Láncara, o proxecto inclúe unha inversión de máis de 72.976,37 euros para mellorar medio quilómetro da LU-P-2703, que vai da Pobra de San Xiao a Carracedo. Os traballos centraranse no tramo urbano da Pobra, entre o cuartel da Garda Civil e o Campo da Feira, e tamén incluirán a reapertura de cunetas, pavimentación e mellora da sinalización.

Rivera Capón destacou que desde o inicio do ano, a Deputación aprobou a mellora de 43 estradas en máis dunha vintena de concellos, cun investimento de preto de 5 millóns de euros, o que supón máis do 40% do orzamento do Plan de Estradas 2024, que destinará 12 millóns de euros para acondicionar máis de 280 quilómetros de vías na provincia.

Hortos urbanos no Parque do Rato

A Xunta de Goberno tamén deu luz verde ás autorizacións de uso dos hortos urbanos do Parque do Rato para 89 usuarios, cunha concesión de dous anos prorrogables a catro. Deste total, 39 son para antigos usuarios e 50 para novos beneficiarios.

Pablo Rivera destacou que o proxecto de hortos urbanos está a pleno rendemento, cun total de 140 parcelas activas dispoñibles de forma totalmente gratuíta para fomentar a agricultura ecolóxica, o lecer medioambiental e hábitos de vida saudables. Ademais do uso das parcelas, os beneficiarios reciben servizo de asesoramento en horticultura ecolóxica e xestión dos recursos e materiais.

⚙ Configurar cookies
0.73473596572876