A Deputación de Lugo investirá 370.000 euros na LU-P-2901 que une Lugo con Guntín
A Xunta de Goberno da Deputación de Lugo aprobou este venres novas actuacións na rede viaria provincial para mellorar 70 quilómetros de catro estradas que discorren por 9 concellos da provincia cun investimento total que ascende a máis de 850.000€. Así o informou a voceira socialista do Goberno, Pilar García Porto.
A institución provincial actuará na estrada LU-P-2901, que comunica Lugo con Guntín. Estas obras saen a licitación por 370.000€ e o prazo de execución é de nove meses.
“Renovaremos o firme nun novo tramo de preto de 8 quilómetros, entre os puntos quilométricos 5,5 e 13,1, ao seu paso polo concello lucense”, explicou a Deputada.
“Estas actuacións dan continuidade a outros dous proxectos de mellora que vimos de realizar. Por unha banda, destinamos 175.000€ para actuar entre os quilómetros 21,3 e 25. E pola outra banda, mellorouse o treito do quilómetro 3,340 ao 5,400 no concello de Lugo por importe de 85.000€”, lembrou García Porto, quen apuntou que con este novo investimento que se aprobou na Xunta de Goberno a Deputación de Lugo destinou nos últimos anos máis de 630.000€ nesta estrada.
OUTRAS ACTUACIÓNS
A Deputación provincial aprobou tamén a actuación na LU-P-1809, que comunica Chantada, Taboada e Antas de Ulla; na LU-P-3505, que une os municipios de Navia de Suarna e Cervantes por Vilaquinte e Donís e na LU-P-1906 que comunica os concellos da Fonsagrada e Ribeira de Piquín.