A Deputación de Lugo investirá 700.000 euros na Mariña, A Montaña e Ribeira Sacra

A Xunta de Goberno da Deputación de Lugo aprobou diferentes acordos para mellorar o estado e a conservación da súa rede de estradas.
Así, a institución provincial avanzou en diferentes contratacións por importe conxunto de 700.000 euros para a mellora de catro estradas e na roza de vías de 11 concellos da Mariña, a Montaña e a Ribeira Sacra.
Quedou licitada en Carballedo, con 153.957,82 euros, as obras de mellora da LU-P-1005, que é a que conecta as parroquias de Cartelos e Furco, desde o lugar de Trasar ata Rañadoiro, no límite provincial.
“Esta é unha actuación importante porque a vía dá servizo a media ducia de parroquias e ademais conecta o suroeste do Concello de Carballedo coa provincia de Ourense”, valorou a deputada Pilar Porto.
Os traballos afectarán á totalidade da vía, desde o inicio ao punto quilométrico 5,693 e inclúen o acondicionamento de preto de 500 metros do ramal que une esta estrada con Trasar de Sabugueiro, en Buciños.
As obras consistirán na reapertura de cunetas, arranxo de afundimentos e repavimentación do firme; e o prazo de execución dos traballos será de 3 meses.
No que ten que ver coas estradas provinciais, a Deputación tamén adxudicou as obras doutras tres vías ao seu paso por Castroverde, O Corgo e Bóveda.
Entre os concellos de Castroverde e O Corgo, acondicionaranse os 4 primeiros quilómetros da LU-P-1211, que vai desde Coto ata Arrubial por Porcín. Os traballos consistirán na reapertura de cunetas, no saneo da explanada e na reparación de afundimentos. Resultou adxudicataria deste proxecto a empresa Cholo SL, por un prezo de 74.776,65 euros e un prazo de execución dun mes desde o inicio das obras.
En Bóveda, quedaron adxudicados diferentes traballos. Por unha parte, na LU-P-0910, que vai de Rubián a Mosteiro Vello (en Paradela) por Vilarbuxán, a Deputación de Lugo acondicionará case os primeiros 6 quilómetros ata o límite municipal, desde o inicio da vía ao punto quilométrico 5,477.
E a institución provincial tamén acondicionará a totalidade da LU-P-0903, que une o núcleo urbano de Bóveda coa conexión da estrada autonómica LU-611, na parroquia da Raíña. A adxudicataria do proxecto é Construcciones y Obras Taboada Ramos SLU por un importe de 268.683,32 euros e un prazo de execución de menos de dous meses. Os traballos en ambas vías consistirán na reapertura de cunetas, limpeza de drenaxe, reparación de desperfectos e repavimentación.
DESBROCES
Tamén se adxudicou, por un importe de 177.000 euros as tarefas de desbroce en 11 concellos das comarcas da Montaña e da Mariña. En concreto, son as zonas que se corresponden ao lote 2: Burela, Cervo, Foz, O Valadouro e Alfoz; ao lote 6: A Pontenova, Riotorto e A Pastoriza; e ao lote 22: Folgoso do Courel, Quiroga e Ribas de Sil.
No caso do lote 2, os traballos serán realizados pola empresa Transformaciones Agrarias Isidro Hermanos Blanco Trigo, S.L por 56.161 euros. O lote 6 foi adxudicado a Diego García Besteiro por 62489 euros; e do lote 22 encargarase a empresa Desbroces Casal SL cun prezo de 58.480,66 euros. O contrato é para a anualidade de 2025, con opción dunha prórroga por un ano máis.