A Deputación de Lugo lanza a segunda edición de 'A vangarda está na aldea'

LugoXa
O programa incluirá a distribución do libro 'O pracer da chuvia' de Manuel Vázquez e contempla a realización de 50 obradoiros ao longo do ano
A-Vangarda-está-na-aldea-Deputación-de-Lugo-Manuel-Vázquez
10 Apr 2025

A área de Rural da Vicepresidencia da Deputación de Lugo pon en marcha a segunda edición do programa 'A vangarda está na aldea', unha iniciativa que busca revalorizar a tradición cultural do rural galego e salientar o seu potencial de futuro.

Tras o éxito da primeira edición, centrada nos centros de ensino secundario, o programa amplía agora o seu alcance e ofrecerase tamén a clubs de lectura, asociacións veciñais e colectivos culturais.

A actividade consiste en charlas interactivas articuladas arredor de materiais fotográficos e literarios. Entre eles destacan as imaxes de fotógrafos como Carlos Valcárcel, Ton van Vliet, Antón Beiras, Ruth Matilda Anderson e Ian Colquhoum, que documentaron a Galicia rural do século pasado desde distintas perspectivas, así como a novela O pracer da chuvia do escritor de Pol, Manuel Vázquez, quen tamén será o encargado de impartir os obradoiros.

O deputado de Rural, Daniel García, salientou que "A vangarda está na aldea é, sobre todo, unha aposta polo futuro, por transmitir a tradición cultural do noso rural con optimismo e confianza, para reforzar a proxección deste tecido económico e social que xera vida e actividade”.

Ademais, explicou que esta iniciativa complementa os obxectivos do programa Da Escola á Granxa, que en tres anos permitiu achegar a máis de 18.000 nenas e nenos da provincia unha formación orientada ao ámbito rural a través das ANPAS de Lugo.

Pola súa banda, Manuel Vázquez destacou a necesidade de “fomentar o relevo xeracional non só nos proxectos agrícolas e gandeiros, senón tamén facer que desde as cidades se mire cara ao rural como un valor cultural, económico e social. Debemos entender que o noso é un rural moderno, con base na cultura labrega tradicional, pero enriquecido pola formación científica e técnica. Hoxe en día, teletraballar ou desenvolver distintas profesións desde o rural é cada vez máis factible. A aldea ten futuro, diferente ao seu pasado, pero conectado con el”.

O programa incluirá a distribución do libro 'O pracer da chuvia' e contempla a realización de 50 obradoiros ao longo do ano. Os primeiros celebraranse no CPI de Guntín (14 de maio), CPI do Saviñao (20 de maio) e IES Lama das Quendas de Chantada (23 de maio).

⚙ Configurar cookies
0.16277098655701