A Deputación de Lugo licita a rehabilitación de máis de dez quilómetros entre Portomarín e Taboada

A Deputación de Lugo vén de licitar as obras de rehabilitación do firme da estrada LU-P-4905, que conecta os concellos de Portomarín e Taboada, nun treito de algo máis de 10,65 quilómetros ao seu paso por Portomarín. O orzamento de licitación ascende a 259.129,39 euros e o prazo previsto para a execución dos traballos é de tres meses.
A voceira socialista, Pilar García Porto, explicou que a intervención abranguerá todo o tramo da vía no termo municipal de Portomarín, desde o inicio da estrada ata o punto quilométrico 10,625. As actuacións incluirán a reapertura de cunetas, o saneo da explanada e a posterior pavimentación do firme.
García Porto lembrou ademais que a Deputación está a executar actualmente as obras de mellora do segundo tramo da mesma estrada ao seu paso por Taboada, comprendido entre os puntos quilométricos 10,65 e 24,631, cun investimento adicional de 200.000 euros. Unha vez completado este novo proxecto, destacou, a LU-P-4905 quedará renovada na súa totalidade, mellorando a seguridade e a comodidade da circulación entre ambos concellos.