A Deputación de Lugo licita obras de rehabilitación na LU-P-4802 en Ribeira de Piquín

A Xunta de Goberno da Deputación de Lugo aprobou a licitación dun proxecto de rehabilitación dun tramo de algo máis de 3 quilómetros ao final da estrada LU-P-4802, que conecta Pontenova con Ribeira de Piquín, desde Santalla ata Ponte Soutelo.
Os traballos, cun orzamento de 206.099,34 euros e un prazo de execución de tres meses, abranguerán o treito comprendido entre o punto quilométrico 19,765 e o 22,933. A actuación consistirá na reapertura de cunetas, execución dunha escollera, pavimentación con aglomerado en quente e sinalización horizontal e vertical.
Esta intervención resulta especialmente relevante por conectar as parroquias situadas no corazón do val do Eo, unha zona de alto valor natural e paisaxístico, e mellorar a comunicación entre as comarcas da Montaña e da Mariña.
Ademais, a Xunta de Goberno aprobou a licitación do contrato de conservación e mantemento das estradas provinciais correspondentes á zona 5, que engloba os concellos da Fonsagrada, Negueira de Muñiz, Ribeira de Piquín e Navia de Suarna.
Este contrato, con un importe superior a 1 millón de euros, terá unha duración de dous anos, prorrogable por un máis, e inclúe todas as actuacións necesarias para garantir a seguridade e o correcto estado da rede viaria provincial nesta área.