A Deputación de Lugo mantén activo un amplo dispositivo nas estradas provinciais pola borrasca Ingrid

LugoXa | SarriaXa | RibeiraSacraXa
O temporal deixa acumulacións de ata 25 centímetros de neve e provoca dificultades na circulación en amplas zonas da provincia
neve-alta-montaña-Lugo-deputacion
23 Jan 2026

A Deputación de Lugo continúa a traballar sen descanso nas estradas provinciais afectadas pola borrasca Ingrid e mantense en alerta ante a previsión de que o temporal se intensifique nas próximas horas.

A institución provincial está a intervir no territorio debido ás precipitacións persistentes, cunha cota de neve situada arredor dos 600 metros, aínda que variable en función da orografía de cada zona. As acumulacións rexistradas oscilan entre os 5 e os 25 centímetros de neve, o que está a provocar dificultades na circulación e peches puntuais de vías.

O dispositivo despregado pola Deputación está composto por 24 máquinas quitaneves, oito vehículos de apoio, oito todoterreos destinados á atención de incidencias como a retirada de árbores caídas e un total de 64 operarios. Ademais, permanecen activos os 13 silos de sal distribuídos pola provincia, cunha dispoñibilidade de 500 toneladas para dar apoio aos concellos. Estes deben comunicar á institución provincial a retirada de sal dos depósitos co obxectivo de garantir o control do seu uso e unha distribución axeitada durante a alerta meteorolóxica.

O operativo provincial presta tamén apoio ao persoal do programa Xantar na Casa, que circula detrás das quitaneves para asegurar que a comida chegue con puntualidade ás persoas usuarias nos puntos programados, malia as complicacións derivadas do estado das estradas.

As zonas máis afectadas sitúanse na Montaña lucense e nas áreas de maior altitude da provincia. No concello de Baleira rexístranse problemas nas estradas LU-P-0401 entre Corveira, Corneas e O Restelo, na LU-P-0405 de Fonteo á Lastra e na LU-P-0407 desde Fontaneira por Vilar dos Adrios, con espesores aproximados de dez centímetros. En Becerreá, vense afectadas vías como a LU-P-0704, LU-P-0707, LU-P-0708, LU-P-6221 e a LU-P-0702, con acumulacións de entre dez e vinte centímetros.

En Cervantes, a situación é especialmente complexa, con neve nas LU-P-1401, 1404, 1405, 1411 e 1412, ademais doutras como a LU-P-0702, 1402, 1403, 1406, 1407, 1408, 1409, 1410, 3505 e a LU-P-4505, onde o espesor alcanza entre 10 e 25 centímetros. Na Fonsagrada, as dificultades concéntranse nas LU-P-1906, 3601, 1901, 4606 e 4811, con acumulacións de entre cinco e dez centímetros.

En Navia de Suarna, a neve afecta ás estradas LU-P-3501, 3502, esta última pechada, así como á 3508, 3505, 3509, 1901, 3503, 3511 e 3512, con espesores de entre dez e quince centímetros. En Negueira de Muñiz rexístranse incidencias nas LU-P-3601 e 3602, mentres que nas Nogais están afectadas a LU-P-3701, 4503, 0707 e a LU-P-3702. En Pedrafita do Cebreiro, a situación complícase nas LU-P-4504, 4503, 4505, 1301, 1304, 4501 e 4502, con acumulacións de entre dez e vinte centímetros.

Tamén se detectan problemas no concello de Quiroga nas estradas LU-P-5001, 5004, 5002 e 5005, así como en Ribas de Sil, na vía que comunica San Clodio co Alto da Cruz da Moa. E no Courel, a neve condiciona a circulación en estradas como a LU-P-1301, 1303, 1304, 1305, 1306, así como nas LU-P-4501, 4701, 4505, 5004 e 5601, con espesores semellantes, entre dez e vinte centímetros.

No Incio, a estrada LU-P-2505 entre Foilebar, Lamarredonda e Aira Padrón permanece pechada, mentres que outras vías como a LU-P-1306 entre Megoxe e Herrería do Incio, e as LU-P-2501, 2502, 2503, 2504, 4706, 5711 e 2507 presentan acumulacións de entre cinco e dez centímetros. E en Samos, a neve afecta ás LU-P-5603, 5601, 1306, 5605, 2503, 2507, 5602 e 5604, con espesores de entre cinco e doce centímetros, mentres que en Triacastela se rexistran dificultades nas LU-P-3702, 6201, 0706 e na LU-P-4505.

⚙ Configurar cookies
0.079567909240723