A Deputación de Lugo mellora a seguridade e accesibilidade do Pazo con novas varandas nas escaleiras

A Vicepresidencia da Deputación de Lugo iniciou esta semana uns traballos para mellorar a seguridade e accesibilidade ao Pazo coa instalación de varandas nas escaleiras que comunican o aparcamento coa fachada principal.
Os traballos consisten na colocación de pasamáns de aceiro inoxidable nos laterais e na zona central de cada unha das tres ringleiras de escaleiras.
O vicepresidente da Deputación, Efrén Castro, destacou que esta intervención “fará máis cómodos e máis seguros estes puntos de acceso ao Pazo, que utilizan moitas persoas, sobre todo nos días de partido”, e subliñou a importancia de actualizar as condicións de acceso e seguridade dos espazos públicos para facilitar o seu uso por parte de toda a cidadanía.
A instalación das varandas suporá un investimento superior aos 27.000 euros e amplía as melloras en accesibilidade que se veñen realizando na contorna do Pazo.
No verán pasado, xa se habilitaron prazas de aparcamento para persoas con mobilidade reducida e realizáronse rebaixes nas beirarrúas para facilitar o acceso desde as paradas de autobús da Avenida Filarmónica Lucense.