A Deputación de Lugo mellora tres estradas provinciais en Cervantes cun investimento de máis de 200.000 euros

A Deputación de Lugo vén de iniciar esta semana un proxecto de rehabilitación do firme en tres vías provinciais que atravesan o concello de Cervantes, dentro dunha actuación conxunta que supón un investimento superior aos 200.000 euros e que permitirá acondicionar preto de oito quilómetros de estrada.
Os traballos están a ser executados pola empresa Adecon Obras y Servicios S.L. e contan cun prazo de execución de tres meses. As melloras lévanse a cabo nas seguintes estradas: na LU-P-1401, entre Doiras e o límite provincial con León por Piornedo, están a intervir nun tramo de case dous quilómetros, do punto quilométrico 28,5 ao 30,4; na LU-P-1402, que une San Martiño da Ribeira con Vilaquinte a través de Quindous, as obras abranguen un treito próximo ao quilómetro, do punto 8,85 ao 9,60; e na LU-P-1404, que conecta San Román con Quindous, estanse a mellorar máis de cinco quilómetros de vía, entre os puntos 5 e 10,3.
As actuacións inclúen a reapertura das cunetas, a renovación do firme e a colocación de nova sinalización vertical e balizamento. Trátase dunha intervención especialmente significativa para Cervantes, tanto polo volume de tráfico que soportan estas estradas coma pola súa configuración sinuosa, xa que atravesan zonas con numerosas curvas e serven como eixos estruturais da Reserva da Biosfera dos Ancares Lucenses.
Estas vías ofrecen acceso a servizos públicos esenciais como o centro de saúde de Cervantes e tamén conectan con espazos de interese turístico, como o Castelo de Doiras —que pode visitarse desde marzo—, a capela de San Salvador de Vilarello en Piornedo ou a igrexa de San Pedro de Castelo. Así mesmo, permiten chegar a aloxamentos turísticos, rutas de sendeirismo e diversos elementos patrimoniais que enriquecen o atractivo da comarca.