A Deputación de Lugo mostra o seu apoio ao CB Breogán que xogará a Copa do Rei
O deputado de Deportes, Efrén Castro, achegouse no día de onte ao Pazo de Deportes de Lugo para trasladar os parabéns da institución ao equipo do CB Breogán, que fará historia coa súa participación na Copa do Rei despois de máis de trinta anos da súa última participación.
Castro amosou o apoio da Vicepresidencia da Deputación de Lugo na véspera da viaxe do equipo a Granada para disputar a Copa do Rei na que participa por segunda vez na súa historia (a primeira foi en 1990). O conxunto lucense acadou nove vitorias en dezasete partidos, facéndose un oco nesta competición despois da volta á tempada da Liga Endesa.
O deputado de Deportes salientou “a satisfacción compartida polo que significa este logro histórico para o baloncesto da cidade, felicitando aos xogadores, adestradores e a todo o equipo técnico por converterse, unha vez máis, en referentes do deporte lucense”. Neste senso, tamén quixo agradecer “o apoio incondicional de seareiros e seareiras, que defenden desde sempre os valores da deportividade tan fundamentais neste tipo de competicións”.
A Vicepresidencia ratificou nesta visita o compromiso co club celeste, co que mantén un contrato de patrocinio que inclúe, entre outras accións, a participación do club en iniciativas de sensibilización e visibilización realizadas por entidades sociais, no fomento do deporte e dos hábitos saudables con visitas a centros educativos ou na posta en valor de recursos e espazos culturais, patrimoniais e ambientais.