A Deputación de Lugo oponse a que o concello leonés de Candín pase a chamarse Ancares
A Deputación de Lugo rexeita o acordo plenario que o concello leonés de Candín adoptou o pasado decembro para cambiar o nome do municipio e pasar a chamarse Ancares.
A xunta de goberno do ente provincial deu este venres o visto bo ás alegacións que presentarán a ese acordo, e nas que se recolle principalmente que o cambio de topónimo “vulnera a lexislación vixente, carece de fundamentación histórica rigorosa e completa, e ignora o feito incontestable de que Ancares é unha ampla realidade xeográfica, social, cultural, medioambiental e etnográfica que lle dá nome a un territorio no que se asentan municipios da provincia de Lugo e de León”.
As alegacións da Deputación fundaméntanse en tres informes técnicos que se adxuntan no expediente que a institución enviará a Candín, e que foron elaborados polos servizos provinciais de Asistencia Xurídica, Económica e Técnica aos Concellos, polo de Medio Ambiente, e polo historiador Xabier Moure, do colectivo Patrimonio dos Ancares.
En base a estes argumentos, a Deputación solicita ao Ayuntamiento de Candín que "arquive o expediente" para cambiar o nome do municipio ou que, "en todo caso, incorpore ao seu topónimo a alusión á súa pertenza a Ancares, pasando a denominarse Candín de Ancares".
OS ARGUMENTOS
As alegacións da Deputación de Lugo ao acordo plenario que adoptou para o cambio de topónimo, e que actualmente está en fase de exposición pública, baséanse en seis argumentos fundamentais:
- PRIMEIRO. O cambio de nome do municipio de Candín por Ancares vulnera a lexislación reguladora da denominación do municipio e as súas alteracións.
En concreto, o artigo 24.1 da Lei 1/1998, de 4 de xuño do Réxime Local de Castela e León establece que: “La denominación de los municipios habrá de ser en lengua castellana, respetándose las denominaciones existentes a la entrada en vigor de esta Ley, sin que pueda ser coincidente o producir confusiones con otras del territorio del Estado”.
A intención do Ayuntamiento de Candín de chamarse Ancares vulnera esta disposición legal porque xa existe un territorio recoñecido coa denominación de Ancares.
- SEGUNDO. O cambio de nome de Candín por Ancares carece de fundamentación histórica rigorosa e completa que tal modificación esixe.
Candín alega que o nome de Ancares comezou a usarse nos anos 60 coa creación da Reserva Nacional de Caza e que na parte galega se empezou a utilizar nos 90 coa aprobación do Mapa Comarcal de Galicia. Sen embargo, existe abundante documentación histórica que acredita o uso do topónimo Ancares para referirse a esta serra, cando menos dende o ano 572.
Candín é o topónimo deste municipio de León dende a súa propia constitución, hai 200 anos. Sen embargo, no expediente que aporta o Ayuntamiento non se alude para nada a esta parte da súa historia, a estes 200 anos de existencia como municipio denominado Candín.
- TERCEIRO. Ancares é unha realidade territorial moito máis ampla que un único municipio, pois dalle nome nome a toda unha comarca, conformada fisicamente pola Serra dos Ancares e polos seus accidentes xeográficos (portos e vales, entre outros), e sobre a que se asentan municipios tanto da provincia de Lugo, como da de León.
- CUARTO. Ademais dunha realidade xeográfica, Ancares é unha ampla realidade social, cultura, medioambiental e etnográfica, cunha identidade propia e única, que comparte rasgos, e tamén retos e oportunidades comúns.
Esta ampla realidade está amparada ademais baixo figuras de protección recoñecidas por organismos a nivel autonómico, nacional e mesmo internacional, como é o caso da Unesco, co recoñecemento da Reserva da Biosfera dos Ancares Lucenses no ano 2006.
- QUINTO. O Ayuntamiento de Candín, axustándose á realidade xeográfica, histórica, administrativa e social, ten a posibilidade de incorporar ó seu topónimo a alusión á súa pertenza a Ancares, pasando a denominarse Candín de Ancares.
- SEXTO. A apropiación do topónimo Ancares, que é patrimonio de todos e todas as persoas que viven neste territorio, tanto da vertente lucense, como da leonesa, lesiona gravemente os intereses da provincia de Lugo, pero tamén do conxunto da comarca dos Ancares.