A Deputación de Lugo pon en marcha a segunda edición do programa Exploradores do Miño

LugoXa
Nesta nova edición, o programa amplíase con case unha vintena de actividades lúdicas e formativas
Exploradores-do-Miño
10 Jan 2025

A Deputación de Lugo pon en marcha a segunda edición do programa gratuíto Exploradores do Miño, unha iniciativa de educación ambiental creada o pasado ano que busca concienciar aos máis pequenos sobre a importancia de coidar e conservar o medio ambiente. O programa, dirixido a nenos e nenas de entre 6 e 11 anos, tamén ten como obxectivo facilitar a conciliación das familias.

Nesta nova edición, o programa amplíase con case unha vintena de actividades lúdicas e formativas. A programación desenvolverase todos os venres, dende o 24 de xaneiro ata o 27 de xuño, en horario de 17.00 a 19.00 horas no Centro de Interpretación Terras do Miño. Cada proposta contará cun total de 20 prazas dispoñibles.

Os nenos e nenas que participen no programa recibirán un kit de produtos coa imaxe desta iniciativa. Entre as actividades programadas atópanse talleres para aprender a reciclar, compostar e vermicompostar; creación de papel reciclado e encadernación de libros; e saídas para recoñecer árbores, herbas e animais da biosfera. Ademais, os pequenos realizarán proxectos como a creación de xoguetes con materiais reciclados, a elaboración dun xogo de mesa sobre o medio ambiente, ou a plantación de especies hortícolas autóctonas.

Outras propostas inclúen deportes ao aire libre, actividades para recoñecer e preservar a contorna natural mediante a recollida de restos non biodegradables, e a representación de lendas da Terra do Miño. Este variado programa asegura unha experiencia divertida e educativa, promovendo valores de respecto polo medio ambiente e a natureza.

As inscricións están abertas e poden formalizarse a través da páxina web oficial da Deputación de Lugo ou mediante o correo electrónico und.medioambiente@deputacionlugo.org. As persoas interesadas en obter máis información poden chamar ao teléfono 982 227 812.

0.17456388473511