A Deputación de Lugo presenta uns orzamentos para 2026 que superan os 135 millóns de euros

A Deputación de Lugo deu a coñecer o proxecto orzamentario para o exercicio 2026, unhas contas que ascenderán a máis de 135 millóns de euros e que, segundo adiantaron o presidente, José Tomé, o vicepresidente, Efrén Castro Caloto, a voceira socialista, Pilar García Porto, e a deputada de Cultura, Iria Castro Fernández, se caracterizan por ser realistas, con forte peso investidor e cun marcado perfil social.
O presidente provincial explicou que o orzamento consolidado —que inclúe tanto a propia Deputación como o Consorcio de Bombeiros, financiado á metade pola institución— aumentará ata os 135.236.715,15 euros, un 3,7 % máis que en 2025. As contas serán debatidas e sometidas a votación no Pleno ordinario do martes 25 de novembro, coa finalidade de que entren en vigor a comezos de ano.
Tomé destacou que este proxecto económico se enmarca no modelo de desenvolvemento que impulsa desde 2019, apoiado en catro eixes fundamentais: o fortalecemento das políticas sociais, a mellora da mobilidade, a colaboración cos concellos e o respaldo aos sectores produtivos. Subliñou que as contas son realistas, con niveis de execución próximos ao 85 %, e que incrementan os investimentos reais ata os 19,5 millóns de euros, ao tempo que elevan as transferencias correntes ata os 18,5 millóns.
O mandatario provincial fixo fincapé en que a Deputación de Lugo mantén débeda cero, un aspecto que considera determinante para destinar cada euro público a servizos, investimentos e apoio social. Atribuíu este resultado a unha xestión “responsable, rigorosa e comprometida co uso axeitado dos fondos”.
Políticas sociais como eixo vertebrador
As políticas sociais continúan a ser a base da actuación da Deputación, que manterá en 2026 un investimento próximo aos 41 millóns de euros para garantir unha rede de apoio consolidada. Desta rede forman parte as residencias —que atenden arredor de 300 persoas—, a Teleasistencia Domiciliaria —con 2.000 beneficiarios— e o Servizo de Axuda no Fogar, mediante o que se financian anualmente 200.000 horas de atención para preto doutros 2.000 usuarios.
Do total previsto, 11,5 millóns destinaranse aos Centros de Atención a Maiores, case 700.000 euros máis que no ano anterior. Estes fondos permitirán manter en funcionamento as residencias de Trabada, Pol, Ribadeo, A Fonsagrada, Castroverde, Pedrafita do Cebreiro, Meira, Navia de Suarna e Ribas de Sil, ademais de avanzar nos proxectos comprometidos noutros nove municipios. Tomé salientou que catro novos centros —Becerreá, A Pontenova, Guitiriz e A Pobra do Brollón— abrirán nos próximos meses. O presidente comparou este avance co balance da Xunta de Galicia, á que acusou de non abrir ningunha residencia pública en dúas décadas, malia ter un orzamento cen veces maior.
A Deputación tamén reserva 1,8 millóns para reforzar o tecido asociativo que atende colectivos vulnerables, 3,1 millóns para apoiar o ensino público e máis de 4 millóns para promover o emprego e incentivar a contratación. Só a través do Plan Deputación deste ano, recordou, xeráronse arredor de 300 postos de traballo.
27 millóns para mobilidade, clave da igualdade territorial
A mellora da mobilidade será outro dos piares do exercicio 2026. Tomé definiuna como “o primeiro elemento de igualdade territorial”, ao garantir o acceso a servizos, educación, emprego, sanidade, cultura e lecer. Para este fin, mantense unha partida global de 27 millóns de euros.
O presidente lembrou que Lugo dispón da rede provincial de estradas máis extensa de España, con 4.217 quilómetros, unha distancia equivalente á que separa Lugo e O Cairo en liña recta. Para afrontar este reto, o Goberno provincial puxo en marcha o maior plan de estradas da historia da Deputación, con máis de cen intervencións en 52 concellos durante 2025, sen distinción política. O executivo presentará a primeira fase do Plan de Estradas 2026 a comezos do próximo ano.
Cooperación cos concellos como prioridade estrutural
O Goberno provincial continuará apoiando os concellos a través do Plan Deputación, que mobilizará 22,25 millóns de euros en 2026, cun incremento de 250.000 euros respecto ao exercicio actual e en cumprimento do acordo de aumentalo en 1 millón ao longo do mandato.
Entre os proxectos salientados figura o Centro de Innovación Territorial, descrito como pioneiro e dotado con 850.000 euros aportados pola Deputación e o Goberno de España. O obxectivo é situar o rural no centro das políticas de desenvolvemento. A institución tamén continuará impulsando a dixitalización a través de iniciativas como o Xeopadrón —para o que se obtiveron 500.000 euros de fondos europeos— e a implantación da intelixencia artificial.
En canto a infraestruturas municipais, Tomé citou o Polígono da Fonsagrada, que contará con preto de 800.000 euros para seguir avanzando nun proxecto cun custo total superior aos 2,7 millóns e que aspira a impulsar o desenvolvemento económico da Montaña.
13,5 millóns de investimento nos sectores produtivos
A Deputación destinará 13,5 millóns de euros a políticas estratéxicas que reforcen o sector primario, o comercio, a hostalaría e o turismo. Dentro deste bloque, a Granxa Gayoso Castro contará con 2 millóns de euros. Trátase dun centro público singular en España, que promove iniciativas de apoio á gandaría, á recría de xovencas, á Granxa Experimental de Leite, á recría de Rubia Galega e á futura Granxa de Porco Celta, pendente da licenza municipal.
O investimento en turismo medrará ata 3,5 millóns de euros para consolidar un modelo sustentable e orientado á experiencia. Entre os proxectos incluídos atópanse o Parque Central de Galicia, o programa Coñece a túa provincia e as rutas fluviais pola Ribeira Sacra.
A área de Medio Ambiente disporá tamén de 3,5 millóns para protexer e valorizar o patrimonio natural e para promover o seu potencial como motor de desenvolvemento. A Deputación mantén a aposta por fortalecer o tecido asociativo das dúas reservas da biosfera que xestiona —Terras do Miño e Ancares Lucenses—, co mantemento da partida de 340.000 euros que se duplicou no ano actual.
ÁREAS DO BNG
O vicepresidente da Deputación de Lugo, Efrén Castro, puxo en valor o carácter transversal das áreas xestionadas polo BNG ao subliñar a consolidación de programas propios e de liñas de apoio directo que chegan a toda a provincia. Segundo explicou, a Vicepresidencia suma 6 millóns de euros destinados ao tecido asociativo relacionado coa cultura e co deporte e a reforzar as achegas dirixidas ás ganderías e ás producións agroalimentarias. Castro estimou que máis de 800 colectivos locais e sectoriais recibirán recursos para impulsar iniciativas que contribúan á dinamización económica, social e cultural dos concellos e incidiu na importancia de traballar en colaboración cos distintos sectores para fortalecer a participación social e o labor comunitario.
Rural
No ámbito do Rural, o departamento que dirixe Daniel García disporá en 2026 dun orzamento que ascende a 3,1 millóns de euros, cunha planificación que afonda na consolidación das políticas públicas destinadas a apoiar a actividade agrogandeira e a desenvolver programas novidosos orientados a aproveitar todo o potencial produtivo do sector. As contas manteñen as partidas dos principais programas, entre eles O que non arde, centrado no impulso da gandería extensiva, Da Escola á Granxa, que promove actividades formativas en explotacións e pequenas producións alimentarias para alumnado de infantil e primaria, Marela, destinada ao apoio da recría de Raza Rubia Galega, ou Un gusto de rural, un rural de gusto, enfocado na difusión das producións de razas autóctonas. O incremento do investimento permitirá ampliar a cobertura destas iniciativas, reforzar as axudas directas aos produtores e fortalecer a colaboración coas asociacións agrogandeiras e de asesoramento, co obxectivo de mellorar as vías de comercialización, avanzar na profesionalización e impulsar a formación ante os desafíos derivados do cambio climático.
Deporte
No eido deportivo, o orzamento ascenderá a 4,6 millóns de euros, destinados maioritariamente ao apoio a clubs e entidades que conforman a estrutura deportiva da provincia e que, segundo Castro, converten á Vicepresidencia no principal soporte económico do deporte lucense tanto nas categorías de base e afeccionadas como no ámbito profesional e semiprofesional. O vicepresidente destacou a necesidade de manter un equilibrio entre os clubs que compiten en ligas de máximo nivel, que requiren unha maior capacidade financeira, e o fomento da actividade física como alternativa saudable de ocio a través da extensa rede de entidades de base existentes nas comarcas. Ademais, as contas inclúen 455.000 euros para a Escola Provincial de Piragüismo e 1,2 millóns dirixidos ao Pazo e ao Anexo, recursos que financiarán os servizos básicos de mantemento, seguridade e subministración e permitirán avanzar no plan de modernización do recinto tras os investimentos destinados á renovación da cuberta e a licitación do videomarcador, que será adxudicado a próxima semana.
Cultura, Patrimonio e Normalización Lingüística
A área de Cultura, Patrimonio e Normalización Lingüística, xestionada por Iria Castro, manterá en 2026 as liñas de actuación desenvolvidas durante o último mandato, cunha combinación de programación propia para achegar propostas culturais a toda a provincia e axudas ao tecido asociativo. O orzamento prevé 1,3 millóns de euros para convocatorias de apoio a asociacións e entidades dedicadas á dinamización cultural e 1,5 millóns para a programación organizada directamente pola área, que inclúe circuítos de teatro afeccionado e profesional, o programa Tradigalu de difusión da música tradicional, ciclos de cine, exposicións e actividades divulgativas nas que se prioriza a contratación de creadoras e creadores locais e a promoción da lingua. A grande aposta para o próximo ano será a organización dos Premios Mestre Mateo, financiados mediante un convenio coa Academia Galega do Audiovisual, unha iniciativa que Castro definiu como un investimento no recoñecemento do audiovisual lucense e na proxección cultural de Lugo tanto a nivel galego como estatal.
A área de Cultura xestiona igualmente a Rede Museística Provincial, integrada polo Museo de Lugo, o Museo do Mar de San Cibrao, o Pazo de Tor e o Museo da Narla, que contarán cun orzamento conxunto de 3,9 millóns destinados á retribución do persoal, ao funcionamento e mantemento dos edificios —tres deles bens patrimoniais— e á programación de actividades nos distintos centros.
En relación coa Artesanía, o Centro de Artesanía e Deseño contará en 2025 cun orzamento de 1,51 millóns de euros para o funcionamento das instalacións, que albergan un destacado patrimonio, e para a promoción dos oficios artesáns. Mantense así a liña de traballo centrada na formación, na comercialización dos produtos e na difusión do patrimonio musical da Colección de Instrumentos Musicais, con programacións como Celme de Zanfona. As contas para 2026 inclúen tamén unha partida destinada a Memoria Histórica, coa previsión de convocar un premio que fomente a investigación arredor do golpe de Estado de 1936 e da ditadura franquista.