A Deputación de Lugo presentou 'Escolma. Sempre en Galiza', centrada no pensamento político de Castelao

A sala principal do Pazo de San Marcos acolleu a presentación da publicación Escolma. Sempre en Galiza, unha obra que reúne unha selección de fragmentos do clásico de Castelao realizada polo profesor e investigador Henrique Monteagudo.
O volume, editado por Galaxia coa colaboración da Vicepresidencia da Deputación de Lugo, propón unha aproximación accesíbel ao pensamento político do histórico dirixente galeguista a través dunha escolma de textos concebida para achegar a súa análise ao conxunto da cidadanía.
A edición enmárcase no programa de actividades impulsado pola Vicepresidencia da Deputación de Lugo con motivo do Ano Castelao, unha iniciativa coa que se quixo destacar a influencia política e artística do autor na Galicia contemporánea.
Entre estas propostas figuran accións como Sempre en Galiza 1944-2024, a conmemoración dos 75 anos da sinatura de As cruces de pedra na Galiza ou as xornadas Castelao. De Sempre en Galiza ao Consello de Galiza (1934-1944), ademais de diferentes eventos divulgativos e representacións teatrais, incluída a posta en escena de Cousas da man de Os Quinquilláns en varios puntos da provincia.