A Deputación de Lugo recibe á karateka Uxía Folgueira, unha das grandes promesas do deporte estatal

O vicepresidente da Deputación de Lugo, Efrén Castro, e a deputada de Cultura, Iria Castro, recibiron no Pazo de San Marcos á karateka Uxía Folgueira, unha das figuras máis destacadas e prometedoras do karate a nivel estatal.
A deportista, formada no club Shihan, acumula un destacado palmarés en competicións estatais e na Youth League, o prestixioso circuíto competitivo internacional, tanto en categorías individuais como por equipos.
Durante o encontro, Folgueira compartiu cos representantes provinciais os retos deportivos que ten por diante, entre os que salientan a súa participación no Campionato Europeo, que se celebrará o vindeiro mes de febreiro en Chipre, e os Xogos Olímpicos da Xuventude de 2026.
A conversa tamén abordou as esixencias que implica manterse nos rankings estatais e europeos, un compromiso que require, ademais dunha intensa preparación deportiva, numerosos desprazamentos fóra de Galiza para adestrar e competir.
Tanto Efrén como Iria Castro felicitaron á deportista polos seus logros e puxeron en valor o seu esforzo, constancia e capacidade para compaxinar o alto nivel competitivo co rendemento académico, destacando o seu exemplo como referente da mocidade e do deporte galego.