A Deputación de Lugo recibe ao Ensino e destaca o seu papel no deporte feminino

A Deputación de Lugo acolleu no Pazo de San Marcos ás integrantes e á directiva do Club Baloncesto Ensino, que afronta a súa oitava tempada consecutiva na máxima categoría do baloncesto estatal.
Durante o encontro, o responsable provincial Efrén Castro transmitiulles o respaldo da Vicepresidencia da Deputación, que mantén unha colaboración estable co equipo a través dunha subvención nominativa que neste 2025 ascende a 140.000 euros.
Castro salientou a traxectoria do Ensino como “o cuarto equipo con máis tempadas na máxima categoría do baloncesto estatal” e subliñou o orgullo da institución polo labor do club: “Estamos moi orgullosos de como representades á cidade e ao deporte feminino”, afirmou durante a conversa coas xogadoras.
Tanto desde a Deputación como desde o club fixeron un chamamento á cidadanía para asistir ao encontro deste sábado, correspondente á segunda xornada de liga e primeiro partido como local do equipo vermello, que se enfrontará ao Estepona no Pazo dos Deportes ás 19.15 horas.