A Deputación de Lugo reclama á Xunta un plan integral para salvar as pallozas de Piornedo

LugoXa
Os nacionalistas lamentan a falta de resposta da Consellería de Cultura á solicitude de reunión de febreiro, e ofrecen cooperación para elaborar un plan que aborde actuacións
BNG-Deputacion-Provincial-de-Lugo
25 Jun 2025

A necesidade urxente de protexer un dos conxuntos etnográficos máis singulares de Galicia centrou o debate político no Pazo de San Marcos. O Pleno da Deputación de Lugo aprobou, a proposta do BNG, unha moción que esixe á Xunta de Galicia a posta en marcha dun plan específico de actuación para restaurar e preservar as pallozas do Piornedo, un ben declarado de interese cultural (BIC) cuxo estado empeorou tras os temporais do último inverno.

O deterioro progresivo destas construcións tradicionais viuse agravado desde que, no ano 2010, o Goberno galego eliminou a liña de axudas destinadas ao seu mantemento e rehabilitación. Desde entón, foron as iniciativas locais e o esforzo da Asociación Teitos de Piornedo as que permitiron realizar intervencións parciais, grazas ao apoio económico da área de Rural da Deputación, que lidera o deputado nacionalista Daniel García.

Durante o debate plenario, García defendeu a moción subliñando que “a Xunta non pode continuar desaparecida mentres o patrimonio se desmorona. É imprescindible que lidere un plan de acción no que colaboren todas as administracións e no que tamén participen as persoas propietarias destas vivendas tradicionais”. A proposta contou co respaldo de BNG e PSOE, mentres que o Partido Popular optou pola abstención.

O deputado nacionalista tamén lamentou a falta de resposta da Consellería de Cultura á solicitude de reunión remitida en febreiro, e ofreceu cooperación para elaborar conxuntamente un plan que aborde actuacións inmediatas e estableza liñas de apoio sostidas no tempo para garantir a conservación das pallozas.

A moción aprobada reclama ademais que a Xunta se sume a unha mesa de traballo con administracións e propietarios para deseñar unha folla de ruta conxunta, e que recupere a liña anual de subvencións para a restauración destas construcións. Así mesmo, insta ao Goberno galego a promover programas de formación para recuperar oficios tradicionais como o teitado e a incorporar persoal especializado na conservación do patrimonio inventariado no BIC de Piornedo, coa finalidade de garantir un mantemento planificado e a longo prazo.

⚙ Configurar cookies
0.16892504692078