A Deputación de Lugo reforza o apoio á Reserva da Biosfera Terras do Miño

LugoXa | TerraChaXa | SarriaXa
Aprobouse unha asignación de 220.000 euros, o que supón un incremento do 270% respecto ao ano anterior
Reserva-da-Biosfera-Deputación-de-Lugo
22 Feb 2025

A Deputada de Réxime Interior, Promoción do Territorio e Turismo, Pilar García Porto, anunciou que a Deputación de Lugo reforzará en 2025 o apoio ao tecido asociativo que traballa no territorio.

No marco dos órganos reitor e participativo da Reserva da Biosfera Terras do Miño, aprobouse unha asignación de 220.000 euros, o que supón un incremento do 270% respecto ao ano anterior.

Na sesión tamén participaron o deputado de Medio Ambiente, Carlos López, e o deputado de Promoción Económica e Social, Pablo Rivera Capón.

Segundo destacou García Porto, este aumento responde ao compromiso da institución co medio rural e a protección ambiental, cumprindo así co anunciado previamente polo presidente da Deputación. "O traballo dos colectivos é fundamental para consolidar Terras do Miño e os seus 26 concellos como un referente en protección ambiental e desenvolvemento sostible e inclusivo", sinalou a deputada.

Dobre liña de axudas e plan estratéxico

Para 2025, establecéronse dúo liñas de axuda. A primeira, destinada a financiar actividades, dóbrase desde os 60.000 euros ata os 120.000 euros. A segunda, unha nova liña de financiamento de investimentos, contará cunha dotación de 100.000 euros.

Asimesmo, os órganos reitor e participativo aprobaron a proposta de actuacións estratéxicas para este ano, aliñadas co Plan de Xestión 2024-2034. Este plan centrarase na conservación, o desenvolvemento sostible e o apoio loxístico da Reserva.

Na programación anual inclúnse preto de 100 actividades, como iniciativas de educación e divulgación ambiental no Centro de Interpretación, proxectos nos hortos urbanos do Rato e diversas accións nos municipios da Reserva.

Superada a revisión decenal da UNESCO

Durante a sesión, García Porto informou que a Reserva da Biosfera Terras do Miño superou con éxito a segunda revisión decenal realizada polo Consello Científico Español e aprobada polo Consello Internacional de Coordinación das Reservas da Biosfera da UNESCO.

Este proceso de avaliación, que se leva a cabo cada dez anos, permite analizar o funcionamento, zonificación e grao de implicación da poboación, proporcionando un estudo cualitativo das accións implementadas no territorio.

Novas incorporacións ao órgano participativo

No marco desta sesión, aprobouse tamén a incorporación dun novo membro ao órgano participativo da Reserva: a Asociación Frodeira, do Concello de Láncara.

Con esta nova adhesión, o órgano participativo conta xa con 36 entidades implicadas na xestión e conservación deste espazo protexido.

 

0.167151927948