A Deputación de Lugo reforza o apoio ao sector leiteiro cun convenio con Ulega

O presidente da Deputación de Lugo, José Tomé Roca, asinou un convenio de colaboración coa Unión Leiteira Galega (Ulega), representada polo seu presidente, José Manuel Liste Liñares, co obxectivo de garantir a continuidade do servizo de asesoramento técnico e legal gratuíto para os produtores de leite da provincia. A institución provincial destinará 60.000 euros a este fin, nun momento especialmente delicado para o sector.
O mandatario provincial subliñou que esta contribución económica permite manter un servizo esencial nun contexto de incerteza para o sector lácteo, marcado polas tensións derivadas das cantidades producidas e dos prezos pagados, situacións que xeran “desequilibrios no mercado” nunha actividade “con gran peso económico, laboral e demográfico no territorio lucense”.
Segundo datos de Ulega, os prezos que perciben os produtores de leite en Lugo sitúanse entre os máis baixos de todo o Estado, malia ser a provincia unha das máis destacadas en número de explotacións, volume de produción e presenza de industrias de transformación.
A través deste acordo, beneficiaranse 579 explotacións leiteiras da provincia adscritas a Ulega. A achega da Deputación permitirá cubrir os gastos de funcionamento do equipo técnico durante o ano 2025, especialmente nas tarefas de negociación entre os produtores e as industrias e compradores, así como no asesoramento para reducir custos e garantir unha maior estabilidade nos prezos de produción.
Ulega dispón actualmente de 10 oficinas distribuídas polos concellos de Becerreá, Chantada, A Fonsagrada, Guitiriz, Lugo, Monterroso, Monforte, Sarria, Vilalba e Viveiro. A través delas, e grazas a esta colaboración coa Deputación, búscase mellorar a capacidade de negociación dos gandeiros e optimizar os procesos produtivos nas explotacións lácteas da provincia.