A Deputación de Lugo reforza o proxecto de valorización da castaña nos Ancares

LugoXa
A área de Rural da Vicepresidencia financiou a compra dunha máquina recolectora de castañas que permitirá mecanizar os traballos de colleita
Deputación-castaña-Ancares
17 Feb 2025

A área de Rural da Vicepresidencia da Deputación de Lugo renovou a súa colaboración coa cooperativa ancaresa A Carqueixa, centrando este ano o apoio na valorización da produción de castañas nos soutos das persoas socias.

O departamento dirixido por Daniel García financiou a compra dunha máquina recolectora de castañas, que permitirá mecanizar os traballos de colleita para optimizar a produción e evitar o abandono da actividade.

A máquina funciona mediante a toma de forza dun tractor e recolle os ourizos directamente do chan a través dun tubo aspirador de ata 75 metros de lonxitude, limpando e separando o froito do ourizo. A capacidade de colleita chega ata as tres toneladas diarias.

O deputado Daniel García destacou "a iniciativa da cooperativa A Carqueixa, que nos últimos anos está apostando pola diversificación produtiva a través de proxectos como o aproveitamento dos soutos para xerar novas vías de ingresos para os gandeiros e gandeiras, contribuíndo ao desenvolvemento sostible da comarca".

As persoas socias da cooperativa suman unhas 2.000 hectáreas de castaños, das cales 500 contan con selo ecolóxico. A maior parte destas superficies atópanse sen aproveitamento produtivo, en gran medida pola dificultade de realizar a recollida de maneira manual.

A incorporación desta maquinaria supón un novo impulso ao proxecto de recuperación e valorización da castaña, en liña co traballo que a cooperativa xa desenvolveu coa carne de vacún e coa marca 'O sabor dos Ancares', iniciativa que tamén contou co apoio da área de Rural.

0.15603494644165