A Deputación de Lugo reivindica en FITUR un turismo ligado á conservación e á identidade do territorio

LugoXa | TerraChaXa
A entidade provincial presenta a campaña Provincia de Lugo, Reserva Natural cunha proposta centrada nas reservas da biosfera e nun modelo sostible afastado da masificación
Presentación-Deputación-en-Fitur-Oliver-Laxe
23 Jan 2026

A Deputación de Lugo presentou na Feira Internacional de Turismo de Madrid a súa nova estratexia de promoción baixo o lema Provincia de Lugo, Reserva Natural, unha campaña que aposta por poñer en valor o patrimonio ambiental da provincia como base dun modelo turístico equilibrado, respectuoso co medio e vencellado á poboación local. A iniciativa foi presentada pola Presidenta da institución provincial, Carmela López, acompañada polo cineasta Óliver Laxe, no expositor de Galicia en FITUR.

A campaña contou coa participación de dúas persoas estreitamente ligadas ao territorio e ao traballo de conservación que nel se desenvolve. Por unha banda, o cineasta Óliver Laxe, de recoñecemento internacional e con raíces nos Ancares lucenses, representante da Asociación SER de Navia de Suarna; e, pola outra, Martiño Cabana, integrante da Asociación Galega de Custodia do Territorio, con sede na Casa das Insuas de Rábade. Ambos achegaron a súa visión sobre dous espazos cunha identidade marcada, que condiciona a forma de vida das comunidades que os habitan.

Durante a súa intervención, Carmela López puxo o acento en que máis do 80 % da superficie provincial conta con algún tipo de figura de protección, un dato que, segundo sinalou, define o carácter da provincia como un espazo diverso, coidado e auténtico, cada vez máis demandado por quen busca experiencias turísticas ligadas á natureza. A Presidenta lembrou que a Deputación xestiona directamente dúas reservas da biosfera: Terras do Miño e Os Ancares Lucenses e Montes de Cervantes, Navia e Becerreá.

López defendeu estas reservas como territorios dinámicos nos que o desenvolvemento sostible se constrúe a partir do respecto polo medio e pola identidade local. Neste sentido, destacou que Terras do Miño foi a primeira reserva da biosfera declarada en Galicia no ano 2022 e que é a única da Península Ibérica que inclúe unha capital de provincia, Lugo, un exemplo da integración entre cidade e contorna natural. En canto aos Ancares lucenses, subliñou que este ano celebran o seu 20 aniversario e continúan reforzando a súa proxección como Destino Turístico Starlight, cun ceo nocturno que conserva condicións excepcionais. Ademais, apuntou que o próximo 12 de agosto a provincia ofrecerá condicións privilexiadas para a observación dun eclipse solar pola súa situación xeográfica.

A presidenta da Deputación insistiu en que o obxectivo da institución é consolidar un modelo turístico baseado na calidade, no equilibrio co territorio e no compromiso coa veciñanza. Neste marco, comprometeuse a seguir impulsando esta liña de traballo porque, segundo afirmou, conecta coa identidade da provincia e contribúe a posicionar Lugo como un destino diferenciado e con proxección de futuro. Explicou tamén que a campaña xorde dun proceso de colaboración cos concellos e co tecido asociativo presente nas reservas, co fin de protexer o patrimonio natural e cultural e, ao mesmo tempo, favorecer a creación de riqueza e emprego desde parámetros de sustentabilidade.

No transcurso do acto presentouse un novo audiovisual promocional que percorre as dúas reservas da biosfera xestionadas pola Deputación, amosando a variedade de paisaxes, o seu valor ecolóxico e a relación das comunidades locais co territorio. A peza inclúe imaxes de espazos singulares como as zonas húmidas da Terra Chá, a contorna do río Miño ou aldeas tradicionais da Montaña Lucense, entre elas Piornedo.

Este traballo audiovisual constitúe o punto de partida dun proxecto máis amplo de produción de contidos impulsado pola Deputación de Lugo, que contempla a realización de dous documentais con múltiples reportaxes protagonizadas por persoas emprendedoras, profesionais, entidades e colectivos que desenvolven a súa actividade nas reservas. Estes materiais prevese que se difundan tanto a través das canles de RTVE como en plataformas dixitais.

⚙ Configurar cookies
0.081045866012573