A Deputación de Lugo renova a súa colaboración con Raiolas
O presidente da Deputación, José Tomé Roca, e a presidenta da Asociación Raiolas Lugo (Asociación de Pais, Nais e Persoas con Trastornos do Espectro Autista e Trastornos de Comunicación Social), Mª Inés Flores Lozano, renovaron a colaboración que mantén a institución provincial con esta entidade por un total de 22.000 euros. Con esta axuda, a Deputación apoia a Raiolas Lugo para prestar atención especializada a un total 65 usuarios e usuarias con TEA (Trastorno do Espectro Autista), e a 115 pais e nais.
José Tomé subliñou o compromiso que mantén a entidade que preside coa atención das persoas con capacidades diferentes e puxo en valor o traballo que realiza Raiolas Lugo na loita por conseguir unha sociedade máis xusta e igualitaria. “Sumamos esforzos co fin de mellorar a calidade de vida e de benestar dos seus usuarios a usuarias e, en consecuencia, das súas familias”, destacou o presidente.
Co programa Intervención en Contextos Naturais co que colabora a Deputación grazas a este convenio, Raiolas presta un servizo de apoio ás persoas con TEA e as súas familias nos propios domicilios ou naqueles lugares que se acorde na provincia de Lugo. O obxectivo é proporcionarlles un servizo de apoio ou guía para que os usuarios e usuarias desenvolvan ao máximo as súas capacidades, facilitando a comunicación ou a comprensión das súas necesidades por parte das familias.
Con esta axuda contribúese a mellorar a súa calidade de vida, favorecendo a creación e o mantemento dun clima familiar equilibrado, que potencie as relacións positivas e de desenvolvemento para todos os membros da unidade familiar.
A Asociación Raiolas nace no ano 2000 co principal obxectivo de poñer en marcha un servizo de apoio na provincia para persoas con Trastornos do Espectro Autista/Trastornos de Comunicación Social, prestándolles atención individualizada en varios niveis como psicoloxía, psicopedagoxía e logopedia. Ademais, realizan actividades de intervención grupal e obradoiros, e prestan un servizo de asesoramento ás súas familias co fin de orientalas e garantir un clima de confianza para xerar un ambiente óptimo.