A Deputación de Lugo renova o compromiso coa inclusión laboral de persoas con discapacidade na Ulloa

A Confederación Galega de Persoas con Discapacidade (COGAMI) en Lugo vén de asunar un convenio de colaboración coa Deputación de Lugo. Os presidentes das entidades, José Luis Lolo Celeiro e José Tomé Roca, firmaron un documento no que a institución provincial destina un total de 35.000 euros para o desenvolvemento dun obradoiro prelaboral destinado a persoas con discapacidade na comarca da Ulloa.
Esta acción formativa, dirixida a persoas que residen nos concellos de Palas de Rei, Monterroso e Antas de Ulla, ofrece unha alternativa adaptada ás súas necesidades e orientada á inclusión no mercado laboral. As persoas participantes realizan talleres de papel reciclado e papeis de augas, encadernación artesanal, serigrafía e monicreques, co obxectivo de facilitar a súa incorporación ao ámbito laboral.
O proxecto busca mellorar a empregabilidade dos usuarios potenciando as súas habilidades técnicas, sociais e laborais, ao tempo que promove a súa autonomía persoal e a participación social. Ademais, estas actividades complétanse con terapia ocupacional e intervención social para fortalecer a autoestima, mellorar a alfabetización funcional, adquirir competencias dixitais e fomentar unha participación activa na sociedade.
José Tomé destacou que este proxecto “é un exemplo do compromiso da Deputación cunha sociedade máis igualitaria, na que todas as persoas teñan as mesmas oportunidades, independentemente das súas capacidades”. Subliñou que o obradoiro “máis aló do aspecto formativo é unha forma de desenvolver a autoestima, a relación social e o futuro. É unha porta aberta a novas oportunidades que transforma vidas e dignifica ás persoas”.
Finalmente, o presidente sinalou que “a colaboración con COGAMI é fundamental para avanzar na inclusión social das persoas con discapacidade, especialmente no rural, onde ás veces é máis difícil acceder a recursos formativos e laborais”.