A Deputación dedica 110.000 euros a 43 proxectos ambientais para impulsar as Reservas da Biosfera

LugoXa | TerraChaXa | SarriaXa | AMariñaXa
É unha liña de axudas, de entre 1.000 e 7.000 euros, a entidades destes territorios
primer-premio-concurso-fotos-reservas-biosfera-deputacion
Reserva da Biosfera
19 Jul 2024

A Xunta de Goberno da Deputación de Lugo aprobou este venres a listaxe provisional das entidades beneficiarias da liña de axudas en réxime de concorrencia competitiva que convoca a institución provincial por un importe de 110.000 euros para entidades sen ánimo de lucro asentadas ou que teñen o seu ámbito de actuación nas Reservas da Biosfera Terras do Miño e Os Ancares Lucenses e Montes de Cervantes, Navia e Becerreá.

A Voceira socialista do Goberno, Pilar García Porto, destacou que este ano son 43 as que foron admitidas, e que"cada ano estamos a rexistrar un aumento na presentación de solicitudes, acadando nesta ocasión un total de 47. Isto confirma a boa acollida desta iniciativa entre o tecido asociativo, e nos permite avanzar na promoción do coñecemento e do desenvolvemento sostible destes territorios”.

Segundo apuntou Pilar García Porto, esta é a cuarta edición desta liña de axudas, “que iniciamos no pasado mandato, e que dado o éxito acadado, incrementamos hai un ano o orzamento nun 30 %, ata alcanzar os 110.000”. Un aumento, engadiu “que nos permite desenvolver máis proxectos de dinamización das Reservas da Biosfera”.

Estas axudas teñen por finalidade apoiar proxectos vinculados ao medio ambiente e o rural que poñan en valor o patrimonio natural, cultural e paisaxístico destes territorios. “Forman parte da estratexia que promovemos dende a institución provincial para favorecer o coidado das Reservas da Biosfera que xestionamos, ao mesmo tempo, que impulsar o seu desenvolvemento económico dun xeito sostible e contando co tecido social e produtivo da zona”, enfatizou a Voceira socialista do Goberno.

En concreto, a institución provincial ten dúas liñas de axudas, destinando un total de 60.000  para actividades na Reserva da Biosfera Terras do Miño e 50.000 para a dos Ancares Lucenses, repartidos en axudas de entre 1.000 e 7.000 euros por cada proxecto presentado.

Na listaxe provisional aprobada na Xunta de Goberno de hoxe figuran iniciativas tan diversas como a mellora de camiños, tarefas de conservación de contornas naturais, desenvolvemento de xornadas de divulgación e promoción dos territorios, obradoiros de artesanía, ou actividades educativas con colexios vinculadas á agricultura ecolóxica. A vindeira semana publicarase a listaxe das entidades beneficiarias no Boletín Oficial da Provincia, e a partir desa data abrirase un prazo de 10 días hábiles para presentar alegacións.

0.16419410705566