A Deputación dedica 120.000 euros a apoiar ás asociacións dos Ancares

O Edificio de Usos Múltiples de San Román de Cervantes acolleu un encontro no que a deputada de Réxime Interior, Promoción do Territorio e Turismo, Pilar García Porto, anunciou que a Deputación de Lugo reforzará este 2025 o apoio ás asociacións que traballan na zona cun investimento de 120.000 euros.
O evento contou coa participación dos órganos reitor e participativo da Reserva da Biosfera dos Ancares Lucenses, Montes de Cervantes, Navia e Becerreá. Tamén asistiron o deputado de Medio Ambiente, Carlos López, e o deputado de Promoción Económica e Social, Pablo Rivera Capón.
García Porto subliñou que este investimento representa un incremento do 140 % respecto ao ano anterior e responde ao compromiso da Deputación co territorio rural e o medio ambiente. "Grazas ao seu traballo, estas entidades contribúen a consolidar a Reserva dos Ancares como un referente en protección ambiental e modelo de desenvolvemento sostible e inclusivo", destacou.
Este ano, haberá dúas liñas de axudas: unha destinada a actividades, que pasará de 50.000 a 70.000 euros, e outra nova para investimentos, dotada con 50.000 euros.
Novas iniciativas e proxectos de ecoturismo
Durante o encontro, aprobáronse as actuacións estratéxicas para 2025, dentro do Plan de Xestión 2024-2034, centrado na conservación, o desenvolvemento sostible e o apoio loxístico á Reserva.
Tamén se aprobou a programación de actividades anuais, que inclúe 60 accións de educación e divulgación ambiental, programas de reforestación, iniciativas do destino Starlight e colaboración co proxecto do Corredor de Ecoturismo da España Verde, ademais de actividades ambientais nos Centros de Atención a Maiores da Deputación.
No referente ao Corredor de Ecoturismo da España Verde, García Porto explicou que o obxectivo é promover experiencias turísticas vinculadas á natureza organizadas por pequenas empresas locais.
Nesta liña, seleccionáronse dúas propostas: A Ruta do Castrexo e A Fauna de Ancares, que inclúen un taller cultural e unha ruta guiada. Este proxecto, impulsado por Asturias, Cantabria, Euskadi e Galicia, conta cunha achega de case 1 millón de euros do programa Experiencias Turismo España, financiado polos Fondos Next Generation da Unión Europea.
Novas asociacións únense á Reserva da Biosfera
A Deputada tamén anunciou a incorporación de catro novas entidades ao órgano participativo da Reserva, tras a aprobación das súas solicitudes polo órgano reitor. A partir de agora, formarán parte da iniciativa a Asociación Territorio Verde, ACuDe Dumia Cervantes, a Agrupación de Voluntarios de Protección Civil de Cervantes e a Asociación de Veciños de O Fabal.
Con estas incorporacións, o órgano participativo da Reserva da Biosfera dos Ancares Lucenses, Montes de Cervantes, Navia e Becerreá pasa a contar con 33 entidades, fortalecendo así a súa rede de colaboración en favor da conservación e desenvolvemento sostible do territorio.