A Deputación dedicará 300.000 euros a 51 asociacións da provincia

LugoXa | TerraChaXa | SarriaXa | AMariñaXa | RibeiraSacraXa
Grazas a esta liña de axudas de concorrencia competitiva, estas entidades poden acometer actuacións
Xunta-de-Goberno-Deputación-de-Lugo
27 Dec 2024

A Xunta de Goberno da Deputación de Lugo aprobou a concesión das subvencións convocadas pola institución provincial a través do Programa para a Dotación e Mellora de Servizos Comunitarios por un importe total de 300.000 euros.

As achegas repartiranse entre 51 asociacións da provincia para a execución de obras destinadas a mellorar a calidade de vida da veciñanza do rural como a mellora de redes de abastecemento, vías, locais sociais ou espazos públicos.

As achegas provinciais oscilan entre os 1.000 euros e os 6.000 euros e foron concedidas a entidades asociativas, tales como asociacións e agrupacións veciñais, comunidades de montes ou asociacións de gandeiros, agricultores ou produtores forestais de toda a provincia.

A voceira socialista do Goberno, Pilar García Porto, puxo en valor que “aínda que as axudas non teñen unha gran entidade económica, si terán unha gran relevancia social para mellorar o día a día da veciñanza”. E sinalou que a Deputación pretende facer chegar aos concellos do rural os servizos que necesita, traballando da man do tecido asociativo, que é quen mellor coñece as necesidades reais de cada territorio.

Grazas a esta liña de axudas de concorrencia competitiva, estas entidades poden acometer actuacións como o acondicionamento da contorna da área recreativa da Capela do Carme, en Castroverde, e a recuperación de tres fontes; mellorar captacións e reparar o abastecemento de auga en Villamane e Bidueiras, no concello de Becerreá; acondicionar o local social situado na antiga Casa Escola de Mercurín, en Folgoso do Courel; ou adecuar o camiño denominado Candevila, no concello de Friol.

A Xunta de Goberno sacou tamén adiante, por un importe de 1,5 millóns de euros, a licitación das obras da granxa de porco celta na leira Gayoso Castro que a institución provincial ten en Castro de Rei cun orzamento de 1.057.404,26 euros, uns traballos que consistirán na construción dun espazo multifuncional de máis de 1.000 metros cadrados na leira Gayoso Castro e que incluirán unha nave de produción, zona de corentena, aularios, vestiarios e almacenaxe e con capacidade máxima para 24 porcas de cría e 5 porcos reprodutores. O prazo de execución desta actuación será de 12 meses desde o seu inicio.

O Presidente da Deputación, José Tomé Roca, cumpre así co seu compromiso de licitar estas obras antes de que acabe o ano para que as instalacións poidan estar funcionando no ano 2026.

0.17429184913635