A Deputación deixará o Anexo con pista de cemento de xeito provisional
A área de Deportes da Deputación de Lugo manterá esta tarde unha reunión con representantes dos diferentes clubs que compiten e adestran no Anexo do Pazo Provincial dos Deportes para dar conta das decisións tomadas con respecto á instalación deportiva. Os clubs convocados para está reunión son Estudiantes, Ensino, Cidade de Lugo, AX Sagrado Corazón, Franciscanos, Maristas e Cidade de Lugo.
O deputado de deportes Efrén Castro declarou que "hai uns meses entrou unha gran cantidade de auga causando danos na pista, estivemos ata o ultimo momento tratando de aplicar solucións menos drásticas instalando deshumidificadores que evitaran o deterioro da pista pero lamentablemente sigue convando en diferentes zonas".
A Deputación mantivo unha reunión coa Federación Galega de Baloncesto e entre ambas partes comprobaron que a pista non cumpría cos mínimos necesarios para adestrar e competir. Ante esta situación dende a área de Deportes van realizar as obras necesarias para levantar o parqué actual e acondicionar a pista de cemento que hai debaixo durante este período de vacacións de Nadal.
Esta solución temporal busca que os clubs podan continuar adestrando durante uns meses e competindo nas ocasións que se poda e "nese tempo licitar e executar a obra para ese novo pavimento do anexo, que se suman á mellora que imos facer instalando os tan demandados vestiarios" declarou o deputado.