A Deputación destina 1,3 millóns de euros a obras en estradas de Lugo, Terra Chá e A Ulloa

LugoXa | TerraChaXa
A Xunta de Goberno licitará catro contratos para vías nos concellos de Portomarín, Guntín, Begonte, Friol, Lugo, Outeiro de Rei, Palas de Rei, Cospeito e Vilalba
estrada-moman-as-pontes-aglomerado-obras-estradas
31 Jan 2025

A Xunta de Goberno da Deputación de Lugo aprobou este venres a licitación de catro contratos por algo máis de 1,3 millóns de euros para realizar obras de acondicionamento e mellora en 10 vías provinciais das comarcas de Lugo, Terra Chá e A Ulloa, en concreto ao seu paso polos concellos de Portomarín, Guntín, Begonte, Friol, Lugo, Outeiro de Rei, Palas de Rei, Cospeito e Vilalba. Así o informou este venres a Voceira socialista do Goberno, Pilar García Porto, tras celebrar a reunión da Xunta de Goberno.

Por unha banda, a institución provincial mellorará con máis de 340.000 euros dous tramos da LU-P-4902, entre Portomarín e Guntín, a vía que conecta o Alto do Valiño con Valdeporrás por Vilaxuste. Os traballos afectarán ao primeiro quilómetro da estrada e ao treito comprendido entre o punto quilométrico 4,100 e 11,315 e consistirán na reapertura das cunetas, pavimentación con aglomerado en quente e sinalización horizontal.

García Porto fixo referencia a importancia desta actuación, que conta cun prazo de execución de 3 meses unha vez iniciadas as obras, “porque se trata dunha das estradas máis empregadas no concello de Portomarín, pois atravesa o municipio dun extremo ao outro. Ademais, este proxecto completará os traballos que xa realizamos recentemente entre os quilómetros 1 e 4”.

Por outra banda, tamén se aprobou na sesión desta mañá a licitación por preto de 370.000 euros das obras para mellorar 5 estradas ao seu paso polos concellos de Begonte, Friol, Lugo e Outeiro de Rei. En concreto, o proxecto inclúe:

- Os 5 primeiros quilómetros da LU-P-0802, que conecta Begonte e Santalla.
- A LU-P-2905, que vai de Ombreiro a Aspai, no tramo inicial ata o quilómetro 6,654.
- Case 3 quilómetros ao inicio da LU-P-3903, que vai de Santo Estevo a Donalbai.
- Preto do primeiro quilómetro da LU-P-3904, de Xueus a Feira da Gaioso.
- Os 13 primeiros quilómetros da LU-P-5101, entre Rábade e Friol.

Pilar García Porto recalcou que este proxecto “mellorará de xeito significativo as comunicacións destes catro concellos” e destacou que “os traballos consistirán na reapertura de cunetas, na reparación de desperfectos e na repavimentación. O prazo de execución para todas estas actuacións é de 4 meses desde o inicio das obras”.

A Deputación aprobou tamén un investimento de máis de 145.000€ para mellorar tres estradas provinciais de Palas de Rei. En concreto, acondicionarase a LU-P-4006, que conecta a vila de Palas con Quindimil, do punto quilométrico 2,630 ao 3,975; na LU-P-4009, que vai de Ribeira á rampla de Covelo por Vilaseños, do inicio da vía ao 5,287; e na LU-P-4011, que une Palas desde o cemiterio con Tarrios e o ramal a Burdallos; dos primeiros 300 metros ata o quilómetro 2,098; e o ramal que son case 900 metros máis.

Nas tres estradas as actuacións consistirán na reapertura de cunetas, obras de drenaxe, reparación de desperfectos, repavimentación e sinalización vertical. O prazo para acometer estas obras é de 3 meses desde o seu inicio.

Por último, en materia de mobilidade, licitouse unha actuación entre os concellos de Cospeito e Vilalba, para mellorar 8 quilómetros da LU-P-1702, que é a estrada que une Feira do Monte con Fontefría polo Pino. A institución provincial inviste máis de 430.000€ para rehabilitar o tramo comprendido entre o punto quilométrico 1,385 e o 9,214. O prazo de execución destas obras é de 3 meses e consistirán na reapertura de cunetas, na pavimentación con aglomerado en quente e na reposición da sinalización mediante o pintado da vía.

García Porto recalcou que “esta actuación completa a que acometeu a Deputación de Lugo o ano pasado ao comezo da estrada e que ademais, é unha vía importantísima para a comarca da Terra Chá porque dá servizo directo a máis dun milleiro de habitantes”.

Máis de 3 millóns de euros para 24 vías provinciais

A Voceira socialista do Goberno recalcou que “só este mes aprobamos un investimento de máis de 3M€ para mellorar 24 estradas provinciais ao seu paso por 16 concellos da nosa provincia. O que dá boa conta por unha parte, do esforzo investidor que está a facer a Deputación de Lugo para o mantemento da rede de estradas provinciais –a máis extensa de todas as Deputacións de España con 4.217 quilómetros-; e por outra, da axilidade coa que traballamos para ser o máis útil posible aos veciños e veciñas desta provincia”.

Nese sentido, lembrou que “este ano, segundo o anunciara o Presidente, temos comprometidos nos nosos Orzamentos 27 millóns de euros para o mantemento, conservación e mellora das estradas provinciais, o que representa máis do 20 % do noso presuposto e que supón un 42% respecto ó que investimos o ano pasado”.

0.16890907287598