A Deputación destina 350.000 euros á mellora da LU-P-2901 que comunica Lugo con Palas de Rei

LugoXa
La Diputación de Lugo invertirá 350.000 euros en la mejora de la carretera LU-P-2901 que conecta Lugo con Palas de Rey.
lu p 2901
15 Apr 2022

A Deputación de Lugo mellorará un novo tramo da estrada provincial LU-P-2901 que comunica os concellos de Lugo e Palas de Rei cun investimento de preto de 350.000 euros. O proxecto inclúe o acondicionamento de 8 quilómetros, que afecta ao treito da vía entre os concellos de Lugo e Guntín, do punto quilométrico 5,5 ao 13,1.

Os traballos consistirán na reapertura de cunetas, pavimentación e sinalización horizontal con marcas reflexivas brancas e o prazo de execución é de 9 meses. Unhas obras que completarán ás que a institución provincial está acometendo entre os quilómetros 21,3 e 25, cun investimento de 175.000 euros, e ás que levou a cabo o pasado ano noutro tramo, entre os quilómetros 3,3 e 5,4, con 85.000 euros.

A Xunta de Goberno provincial acaba de aprobar a adxudicación dos traballos á empresa Francisco Gómez y Cía SL. Estes avances na vía beneficiarán a numerosos veciños e veciñas porque esta estrada vertebra a comunicación dos concellos de Lugo e Palas de Rei, pero tamén é moi empregada polos peregrinos por situarse ao pé do Camiño de Santiago.

O presidente da Deputación de Lugo, José Tomé Roca, salienta a importancia desta actuación e recalca que “a mellora das comunicacións é unha prioridade para o Goberno”. Detalla, así mesmo, que “defendemos a mobilidade como un dereito básico dos veciños e veciñas da provincia porque cremos que unha boa rede de estradas é fundamental para o equilibrio territorial e para o desenvolvemento do rural, porque axuda a fixar poboación e a achegar os servizos”.

A institución provincial destina 17,3M€ dos seus Orzamentos para o 2022 ás tarefas de mellora do firme, roza de maleza, conservación e mantemento da rede viaria provincial, a máis extensa de todo o Estado e tres veces maior ca da Xunta en Lugo.

0.18632388114929