A Deputación destina 52.500 euros á Asociación de Gandeiros de Lugo para promover o pastoreo tradicional
O presidente da Deputación de Lugo, José Tomé Roca, asinou un acordo co presidente da Asociación Profesional de Gandeiros de Lugo, Roberto Pedrido Rodríguez, para impulsar o pastoreo tradicional a través dun servizo de asesoramento. Unha iniciativa que se enmarca no compromiso da institución provincial co sector primario e que axudará a revitalizar a matogueira dos montes e a preservar os distintos hábitats naturais en superficies montañosas cunha achega da institución provincial de 52.500 euros.
O obxectivo principal desta actividade é promover, mellorar e recuperar as técnicas tradicionais de pastoreo que contan con importantes beneficios. Desde o punto de vista medio ambiental, este servizo permite incrementar os niveis de biodiversidade e actúa como unha barreira de propagación contra os lumes. En canto ao impacto económico, o pastoreo tradicional pon en valor as producións de gando de vacún de carne e dende o ámbito social impulsa a incorporación de novas xeracións ás actividades gandeiras, ao tempo que potencia a imaxe do territorio.
Así mesmo, esta iniciativa ofrece asesoramento sobre os principais sistemas agrícolas que utilizan os pastos permanentes e sobre prácticas que melloren a eficiencia e produtividade en sistemas de produción de carne extensivos. Ademais, tamén orienta aos gandeiros sobre as técnicas de manexo de pasto que melloran a saúde animal e a produtividade. A colaboración da institución provincial permítelle á Asociación Profesional de Gandeiros de Lugo facer fronte aos gastos de persoal técnico que desenvolve este proxecto e tamén aos costes correntes de desprazamentos ou material necesario para prestar este servizo.