A Deputación destina máis de 250.000 euros a melloras en infraestruturas e camiños de Cervantes

LugoXa
O investimento inclúe a adquisición dun grupo electróxeno, a cuberta do merendeiro de San Román e acondicionamentos en seis camiños e varias parroquias
obras-en-Cervantes-Deputación
18 Oct 2025

A Deputación de Lugo investirá en Cervantes algo máis de 250.000 euros para levar a cabo un total de nove actuacións enfocadas a mellorar as infraestruturas municipais e os camiños rurais.

Entre as medidas previstas destaca a adquisición dun grupo electróxeno con remolque, que permitirá dar servizo nos eventos que non se celebren no polideportivo municipal e en obras, reparacións de camiños ou servizos municipais, evitando ademais o gasto en alugueiros.

Outro proxecto incluído neste investimento é a instalación dunha cuberta no merendeiro de San Román, que ofrecerá protección ás mesas e á churrasqueira, aumentando así as prestacións deste espazo público e proporcionando sombra no verán, así como protección fronte á chuvia e a neve.

Tamén se levará a cabo a colocación de varandas, biondas e malla nos núcleos de Noceda, Santalla, A Lama, Casas do Río, Ponte de Cubelas e Villaver, unha medida que reforzará a seguridade en estas zonas, nas que aínda reside un número importante de veciños.

Ademais, están previstos seis acondicionamentos de camiños e vías. Na parroquia de Donís melloraranse os accesos a Robledo e os camiños en Vilar de Donís, mentres que no Cereixido executarase un pequeno muro no desnivel do camiño da Freita para estabilizar o terreo e evitar desprendementos. En Cancelada acondicionarase o acceso a Santo Tomé, co firme mellorado e a instalación de reixas, e en Mosteiro actuará no acceso a Queirugal. En Ribera acometeranse traballos no acceso a San Martín, e en Quindous no de Sevane. Ademais, entre as parroquias de Dorna e Quindous realizarase unha mellora na estrada que vai de Folgueiroa por Savane.

Estas actuacións buscan non só reforzar a seguridade e a funcionalidade das infraestruturas, senón tamén facilitar a vida cotiá dos veciños e promover un uso máis eficiente dos recursos municipais.

⚙ Configurar cookies
0.071199893951416