A Deputación destinou 185.000 euros a renovar o equipamento informático da UNED
O presidente da Deputación de Lugo, José Tomé Roca, supervisou o equipamento informático co que a institución provincial dotou á UNED, cun investimento de 185.000 euros. José Tomé estivo acompañado da directora da UNED en Lugo, Ana Traseira.
A contratación de material informático que fixo a Deputación, segundo explicaron, preparou ao centro asociado para mellorar a calidade dos contidos dixitais da plataforma, que cobraron especial importancia e utilidade coa crise sanitaria derivada da covid-19.
Os 185.000 euros destináronse á adquisición de ordenadores, impresoras de alto rendemento e sistemas de videoconferencia, o que permite a renovación do equipamento tecnolóxico de diferentes dependencias do centro, como o salón de actos, a aula de extensión, o Centro de Procesos de Datos (CPD) ou a sala AVIP, que fai posible o seguemento das clases por vía telemática.
A UNED en Lugo medrou un 29% en canto a número de matrículas de grao, posgrao, acceso e idiomas. O centro lucense acadou así un teito histórico, con 1.300 lucenses cursando ensinanzas reguladas. A Universidade a Distancia ten na provincia aulas en Foz, Monforte e Viveiro e tamén unha aula da UNED Sénior en Sarria.
INICIATIVAS CONXUNTAS
A Deputación de Lugo tamén impulsa coa UNED o proxecto de comunicación 'Lugo Cultura Dixital' dende o ano 2014, co obxecto de difundir a cultura lucense, a promoción do asociacionismo, o impulso da inclusión e a alfabetización dixital.
As dúas entidades tamén colaboran no proxecto 'LugoNaturalmente', comprometido co desenvolvemento sostible e a loita contra o cambio climático, un programa que recolle as grandes liñas da Axenda 2030 e que as traslada á súa contorna máis próxima.