A Deputación dotará ao Fogar de Santa María con 120 prazas máis de aparcamento

LugoXa
A Deputación de Lugo dotará ao Fogar de Santa Maria con 120 prazas máis de aparcamento de xeito gratuíto fora do horario laboral
fogar santa maria
17 Feb 2023

A Deputación de Lugo aprobou este venres a licitación por un importe de  medio millón de euros das obras para acometer a reforma e mellora dos espazos comúns circundantes aos pavillóns do Fogar de Santa María. Así o anunciou a voceira socialista do Goberno, Pilar García Porto, quen incidiu en que este proxecto “permitirá cuadriplicar o número de prazas de estacionamento para uso público neste recinto, pasando das 40 que existen actualmente a unhas 165 prazas”.

García Porto recordou que con esta actuación o presidente da institución provincial, José Tomé Roca, cumpre o seu compromiso de reordenar e acondicionar o entorno do complexo de Santa María, unha vez acometidas as obras de rehabilitación e mellora nos pavillóns un e dous cun investimento de 1,7M€.

A voceira socialista lembrou que esta obra xa saíu a contratación, pero “quedou deserta porque non se presentou ningunha oferta”. “Logo de facer todos os trámites pertinentes e revisar os prezos, na Xunta de Goberno de hoxe aprobamos volver a licitala por preto de medio millón de euros, o que supón un incremento de practicamente 100.000€”, explicou a deputada.

Os traballos, que afectarán á contorna dos pavillóns 1, 2, 3 e 4 que compoñen o complexo de Santa María, “consistirán na reordenación dos espazos, no afirmado e pavimentación, axardinamento, sinalización, drenaxe do edificio no que se sitúa Vías e Obras, execución de rede de pluviais e conexión aos sumidoiros, instalación de luminarias públicas, e acondicionamento do acceso peonil existente entre as zonas superior e inferior que circundan os edificios”, apuntou a deputada.

Unha vez rematadas as obras, cun prazo de execución de 4 meses unha vez iniciadas, a Deputación de Lugo abrirá o estacionamento ao público, de forma gratuíta e fóra do horario laboral do cadro de persoal da institución provincial. García Porto incidiu en que “esta medida de poñer a disposición da cidadanía as prazas de aparcamento de Santa María fóra do horario de traballo do persoal provincial foi acordada polo presidente da Deputación e a alcaldesa de Lugo, Lara Méndez, no seo da comisión de seguimento do convenio de cesión dos pavillóns do complexo que existe entre o Concello e esta institución provincial”.

0.18905305862427