A Deputación e a plataforma MVRO únense para reclamar o Museo da Romanización

LugoXa
Mantiveron un encontro e coincidiron en que esta dotación é fundamental para que Lugo poida ofrecer as máis de 15.000 pezas que ten almacenadas
diputacion-e-plataforma-mvro
22 Feb 2025

A deputada de Réxime Interior, Promoción do Territorio e Turismo, Pilar García Porto, vén de manter no Pazo de San Marcos un encontro coa Plataforma en Defensa do Museo da Romanización no Cuartel de San Fernando (MVRO). Na reunión, a Deputación e entidade veciñal integrada por máis dun cento de colectivos compartiron que o Museo da Romanización é un proxecto “irrenunciable” para cidade de Lugo e para a provincia.

Coincidiron en que esta dotación cultural “é fundamental para que Lugo poida amosar todo o que ten para ofrecer” e nese sentido lembrou que hai máis de 15.000 pezas de diversa cronoloxía altoimperial e baixoimperial recuperadas ao longo de 30 anos de escavacións que se encontran almacenadas en diferentes dependencias municipais ou en domicilios particulares pola falta dun espazo apropiado.

A deputada explicou tras o encontro que a Xunta non cumpriu con Lugo porque “o compromiso adquirido, que pasaba porque o Goberno galego fixese un museo por provincia. Si levou a cabo ese compromiso na Coruña, en Ourense e en Pontevedra, pero non cumpriu con Lugo, e vai sendo hora de que o faga”. Nese sentido, valorou García Porto os 500.000 euros anunciados polo Executivo autonómico como insuficientes e lamentou que “descarguen” en Lugo e nos lucenses a súa responsabilidade de protexer o patrimonio arqueolóxico sendo a Administración coas competencias. “Hai que rematar con esta discriminación histórica da Xunta con Lugo, agora vémonos sometidos ao dobre castigo de levar tantos anos perdidos sen esta instalación e por outra ter que renunciar a outros investimentos para levala a cabo”, sinalou a deputada.

Lembrou que o Concello de Lugo cumpriu coa súa parte investindo 2,5 millóns de euros na adquisición do inmoble e outros 150.000 euros en tarefas de conservación, pero que agora o Goberno galego debe ser quen financie a reforma da envolvente e a cuberta.

0.13514995574951