A Deputación e o Concello de Lugo colaboran con 500.000 euros para o Caudal Fest e a mellora de espazos públicos

LugoXa
A Deputación achegará 200.000 euros, o que representa o 40% do investimento total, mentres que o Concello asumirá o 60% restante
caudal-fest-2024
13 Jun 2025

A Xunta de Goberno da Deputación de Lugo aprobou un convenio de colaboración por 500.000 euros entre a institución provincial e o Concello de Lugo, que se destinarán á celebración da sétima edición do Caudal Fest e ao desenvolvemento dun plan de mellora de espazos públicos urbanos na cidade.

A Deputación achegará 200.000 euros, o que representa o 40% do investimento total, mentres que o Concello asumirá o 60% restante.

A voceira socialista do Goberno, Pilar García Porto, enmarcou este acordo dentro da liña estratéxica de cooperación cos concellos, destacando que se trata dunha prioridade que se traduce en iniciativas concretas para dar resposta ás necesidades da veciñanza.

O convenio contempla unha achega de 150.000 euros para a execución do Plan Áxil durante os anos 2025 e 2026, un proxecto destinado á renovación e mellora das infraestruturas urbanas co fin de modernizar e facer máis atractivos os espazos públicos da cidade. Entre as actuacións previstas están a pavimentación de beirarrúas, o bacheo de calzadas, a renovación de tapas de rexistro, mobiliario urbano, instalación de bancos, papeleiras, xogos infantís, melloras nas zonas verdes e en accesibilidade.

Ademais, o acordo inclúe unha achega de 50.000 euros para apoiar un ano máis a celebración do Caudal Fest 2025, que terá lugar os días 19 e 20 de setembro na contorna fluvial do río Miño. Pilar García Porto subliñou que esta colaboración encaixa co modelo de turismo de calidade, sostible e diversificado que promove a Deputación.

O festival reuniu o pasado ano arredor de 40.000 asistentes e xerou un impacto económico na cidade e provincia de máis de 7 millóns de euros, creando preto de 300 empregos directos e arredor de 1.800 indirectos, beneficiando a hostalería, o comercio e os servizos locais.

⚙ Configurar cookies
0.16867208480835