A Deputación e o Concello de Lugo selan un acordo para renovar a Avenida Adolfo Suárez

LugoXa
Trátase dunha actuación estratéxica para o crecemento urbano de Lugo, especialmente na súa zona leste
Sinatura-protocolo-Deputación-e-Concello-Lugo
5 Jun 2025

O presidente da Deputación de Lugo, José Tomé, e o Alcalde de Lugo, Miguel Fernández, asinaron un protocolo de colaboración que marca o inicio da renovación integral da Avenida Adolfo Suárez, un dos accesos principais á capital pola zona da Fervedoira.

Trátase dunha actuación estratéxica para o crecemento urbano de Lugo, especialmente na súa zona leste, xa que esta vía será unha das conexións fundamentais coa futura Estación Intermodal desde a autovía A-6.

José Tomé avanzou que a Deputación participará tanto na redacción do proxecto como no seu financiamento, asumindo o seu servizo de Vías e Obras a responsabilidade de elaborar a proposta técnica que será aprobada pola Xunta de Goberno nas próximas semanas. A continuación, ambas administracións darán forma a un convenio para facer realidade a execución da obra.

“Hoxe damos un paso importante para mellorar un dos accesos máis relevantes da cidade, tanto pola súa funcionalidade como pola súa proxección de futuro”, afirmou o presidente da Deputación, quen destacou a colaboración constante co Concello de Lugo para construír unha cidade “máis accesible, moderna e pensada para as persoas”.

Pola súa banda, o alcalde de Lugo, Miguel Fernández, agradeceu o apoio da Deputación a un proxecto que xa conta cunha partida orzamentaria nos presupostos municipais de 2025. Sinalou que esta colaboración interinstitucional permitirá reducir os prazos de execución e avanzar con maior axilidade nunha intervención que responde ao modelo de cidade “cómoda, conectada e pensada para as persoas”.

Segundo explicou Fernández, a renovación desenvolverase por fases e servirá para mellorar a estética da zona, reorganizar espazos urbanos, garantir a accesibilidade e favorecer unha mobilidade máis segura e eficiente. O obxectivo é transformar a contorna nun espazo amable e funcional que contribúa tamén á dinamización dos barrios próximos.

“A entrada pola Fervedoira ten un gran potencial urbanístico e social, e queremos poñela en valor cunha intervención que aposte por un Lugo máis moderno e integrador”, concluíu o rexedor.

⚙ Configurar cookies
0.19739007949829