A Deputación e o Concello de Ribeira de Piquín impulsan melloras na Casa Consistorial e na Escola Vella

As actuacións permitirán renovar espazos municipais, mellorar a accesibilidade e reforzar os servizos á veciñanza
ribeira-piquin-concello
31 Oct 2025

A Deputación de Lugo e o Concello de Ribeira de Piquín formalizaron un convenio que permitirá investir preto de 267.000 euros en melloras de infraestruturas municipais. Do total, a institución provincial achega 250.000 euros, mentres que o Concello contribúe con case 17.000.

O acordo permitirá acometer actuacións tanto no edificio da Casa Consistorial como na Escola Vella, inmoble que o Goberno local está acondicionando para ampliar os servizos ofrecidos á cidadanía.

Segundo explicou o Concello, as intervencións responden ao deterioro causado polas condicións meteorolóxicas e á necesidade de adaptar os espazos para persoas con mobilidade reducida, favorecendo así unha accesibilidade plena para todos os veciños e veciñas.

En concreto, arredor de 180.000 euros destinaranse á rehabilitación da Casa Consistorial, coa finalidade de mellorar a eficiencia enerxética, reorganizar os espazos interiores para axustalos ás necesidades do persoal municipal, instalar un ascensor e un aseo adaptado, así como renovar o sistema de climatización, entre outras melloras.

Pola súa banda, os case 65.000 euros restantes servirán para continuar co proceso de recuperación da Escola Vella, un proxecto promovido polo Concello para potenciar o uso social e comunitario do edificio.

A voceira da Deputación, Pilar García Porto, lembrou que xa se executaron traballos previos no exterior da instalación, financiados tamén pola Deputación con 83.000 euros. Agora abordarase a renovación interior, incluíndo melloras de accesibilidade, instalacións de iluminación, electricidade e fontanaría, así como novo mobiliario e equipamento necesario para a súa posta en marcha.

Segundo destacou a Deputación, estas actuacións “permitirán harmonizar o entorno, mellorar a calidade de vida dos habitantes do municipio e reforzar a actividade social, cultural e administrativa, garantindo espazos accesibles, seguros e adaptados ás necesidades da comunidade”.

⚙ Configurar cookies
0.086246967315674