A Deputación e o Concello visitan a depuradora de Lugo polo Día Mundial da Auga

LugoXa
Carmela López e Miguel Fernández percorreron a EDAR xunto a estudantes de Primaria para coñecer o funcionamento do sistema de tratamento da auga
Visita-EDAR-Lugo-Día-Mundial-da-Auga
17 Mar 2026

A presidenta da Deputación de Lugo, Carmela López, e o alcalde da cidade, Miguel Fernández, visitaron a Estación Depuradora de Augas Residuais (EDAR) da capital lucense, situada nas proximidades do río Miño.

A actividade enmárcase na semana na que se celebra o Día Mundial da Auga e contou coa participación de alumnado de entre 3º e 6º de Educación Primaria do CEIP Virxe da Luz de Portomarín, que tamén puido coñecer de preto o funcionamento destas instalacións.

A visita desenvolveuse na semana previa ao 22 de marzo, data na que se conmemora o Día Mundial da Auga. Este ano, a campaña impulsada polas Nacións Unidas pon o foco na relación entre a auga e a igualdade de xénero baixo o lema Onde flúe a auga, crece a igualdade. A iniciativa pretende lembrar que o acceso á auga non é só unha cuestión ambiental, senón tamén social e de xustiza, xa que en moitas partes do mundo son as mulleres e as nenas quen soportan maior carga na recollida e xestión deste recurso nos fogares.

Durante o percorrido polas dependencias da depuradora, a presidenta provincial puxo en valor o papel destas infraestruturas que, segundo destacou, resultan fundamentais para o funcionamento das cidades, aínda que a maior parte da cidadanía non sexa consciente do traballo que realizan. “As cidades sostéñense, en gran medida, sobre todo aquilo que non vemos. Non vemos as redes de saneamento, non vemos as estacións de tratamento, non vemos o traballo que hai detrás de cada proceso, pero todo iso é o que permite que algo tan simple como abrir a billa funcione”, sinalou.

López subliñou ademais que a depuradora lucense trata cada ano arredor de 24 millóns de metros cúbicos de augas residuais, desenvolvendo un labor que cualificou de “silencioso, técnico, constante e absolutamente decisivo para a saúde ambiental da cidade”.

Pola súa parte, o alcalde de Lugo destacou que a cidade conta na actualidade cun sistema moderno e eficaz que garante todo o ciclo da auga. Neste sentido, explicou que a EDAR constitúe unha peza clave dentro deste sistema e destacou que se trata dunhas instalacións de primeiro nivel que sitúan a Lugo como un referente estatal na xestión sostible da auga, permitindo asegurar un servizo esencial para o conxunto da cidadanía.

0.12276601791382