A Deputación entrega 27 hortos urbanos dispoñibles no Paseo do río Rato

LugoXa
O presidente da Deputación de Lugo, José Tomé Roca, e o deputado de Medio Ambiente, Carlos López, fixeron entrega este venres dos 27 de hortos urbanos que a institución tiña dispoñibles no Paseo do río Rato.
entrega_hortos_urbanos_rio_rato_deputacion
3 Feb 2024

O presidente da Deputación de Lugo, José Tomé Roca, e o deputado de Medio Ambiente, Carlos López, fixeron entrega este venres dos 27 de hortos urbanos que a institución tiña dispoñibles no Paseo do río Rato. Con estas parcelas xa estarán ocupados os 150 terreos, de 30 metros cadrados cada un, titularidade da Deputación nesta contorna.

Trátase dun proxecto que forma parte da acción impulsada dende a Deputación para “fomentar o coñecemento e a posta en valor do territorio, en concreto das Reservas da Biosfera, das que a nosa provincia é o máximo expoñente en Galicia, como fórmula para favorecer o desenvolvemento sostible a través de iniciativas que aproveiten a riqueza natural coa que temos a sorte de contar, tanto no eido do sector primario, como do turístico”, explicou o presidente.

Deste xeito, o organismo provincial pon a disposición da cidadanía de Lugo e dos concellos do arredor este espazo público de maneira gratuíta para o seu uso e desfrute, “cunha actividade de lecer, social e mesmo educativa que fomenta o lecer saudable, o interese pola agricultura ecolóxica e a concienciación no coidado do medio ambiente”, sinalou.

Ao pé das parcelas, quixo facer entrega aos novos usuarios e usuarias unha carpeta serigrafiada con información de interese, ferramentas de traballo e plantas para comezar a producir no horto. Tamén lles explicou que todos os xoves a institución provincial pon á súa disposición formación gratuíta destinada a mellorar os cultivos. Nesta nova fase de asignación, foron concedidos a través dun proceso de competencia competitiva no que primaron criterios sociais, como estar en situación de desemprego, ser representante dun centro educativo ou traballar para un colectivo social.

0.16434502601624