A Deputación entrega 50 parcelas para ocupar os hortos urbanos do Río Rato

LugoXa
A totalidade dos espazos do programa alcanza o seu máximo rendemento tras a incorporación de novos usuarios por un período de ata 4 anos
hortos-urbanos-río-Rato-Deputación-de-Lugo
25 Mar 2026

A Deputación de Lugo culminou o proceso de adxudicación dos hortos urbanos situados no Paseo do Río Rato coa entrega de 50 novas parcelas, completando así a ocupación total dos espazos dispoñibles dentro deste programa ambiental. No acto participaron o deputado de Medio Ambiente, Carlos López López, e o concelleiro de Movementos Migratorios de Lugo, Waldir Sinistierra.

Do total de autorizacións concedidas, 12 corresponderon a persoas que xa eran usuarias e ás que lles remataba a concesión anterior, mentres que as 38 restantes foron asignadas a novos beneficiarios e beneficiarias. Todos eles poderán facer uso destas parcelas durante un período máximo de 4 anos. Durante a entrega, tamén recibiron a documentación acreditativa e un lote de benvida composto por plantas de horta.

Con esta nova adxudicación, as 155 parcelas públicas incluídas no programa atópanse xa plenamente operativas, consolidando unha iniciativa orientada a impulsar a agricultura ecolóxica, fomentar hábitos de vida saudables e promover o lecer en contacto coa natureza entre a veciñanza de Lugo e da súa contorna.

O deputado de Medio Ambiente destacou que este proxecto responde a múltiples obxectivos, entre os que se atopan incentivar a implicación cidadá no coidado do entorno, promover un consumo máis responsable e fortalecer a conexión das persoas co medio natural. Ademais, subliñou o seu valor como ferramenta de inclusión social, ao contribuír ao reforzo do tecido comunitario mediante a participación de distintos colectivos.

Carlos López tamén agradeceu a implicación das persoas que decidiron sumarse a esta iniciativa gratuíta e lembrou que, ademais da cesión das parcelas, duns 30 metros cadrados, a Deputación ofrece formación en horticultura ecolóxica, así como acceso a recursos, materiais e maquinaria sen custo.

Finalmente, sinalou que este proxecto forma parte dunha estratexia máis ampla destinada a promover o coñecemento e a valorización do territorio, especialmente das Reservas da Biosfera presentes na provincia, co obxectivo de favorecer un desenvolvemento sostible baseado no aproveitamento da riqueza natural, tanto no ámbito do sector primario como no turístico.

0.12331700325012