A Deputación entrega os certificados da acción formativa sobre turismo

RibeiraSacraXa | TerraChaXa | LugoXa | SarriaXa | AMariñaXa
Corenta entidades locais participaron na formación gratuíta Promoción e Comercialización de Produtos e Servizos Turísticos Locais.
entrega diplomas turismo deputacion
14 Xul 2021

O presidente da Deputación de Lugo, José Tomé Roca, xunto coas Deputadas de Réxime Interior, Promoción do Territorio e Turismo, Pilar García Porto, e de Formación, Ensino e Economía do Coñecemento, Ana González Abelleira, entregou os certificados de realización da acción formativa Promoción e Comercialización de Produtos e Servizos Turísticos Locais que a institución ofreceu gratuitamente aos concellos da provincia dentro das súas medidas de apoio á recuperación dunhas das actividades económicas máis prexudicadas pola pandemia como son o turismo e a hostalería.

Persoal de 40 entidades locais realizou esta formación on line de 100 horas de duración, destinada a dotar aos concellos de máis ferramentas para crear, desenvolver e xestionar produtos turísticos. En concreto, o programa tivo catro eixos: márketing turístico, proxectos de comercialización de produtos e servizos turísticos locais, o sistema de relación cliente-empresa no sector da hostalería e o turismo; e a utilización das tecnoloxías da Información na promoción do destino e para a creación e promoción de produtos turísticos no entorno local.

O presidente felicitou e agradeceu a participación dos concellos nesta iniciativa, que José Tomé enmarcou na colaboración que a Deputación está desenvolvendo para apoiar a recuperación da economía da provincia fronte ao impacto da pandemia. “Dende a Deputación fixemos un esforzo importante para tratar de paliar a crise provocada pola covid, utilizando para elo os recursos e os medios dos que dispoñemos, xa que non recibimos a día de hoxe ningún fondo extraordinario, como si teñen as comunidades autónomas, e sempre en colaboración cos concellos e co tecido social e económico”. Froito dese esforzo da institución é o Plan de Impulso da Economía da Provincia, no que tamén se enmarcan medidas como os Bonos Impulso, actividades turísticas e fluviais polos concellos ou os programas Saborea a túa Provincia e Coñece a túa Provincia.

0.16780996322632