A Deputación enxalza a comarca da Ulloa no salón turístico da Estrada
A deputada de Réxime Interior, Promoción do Territorio e Turismo, Pilar García Porto, participou este venres na inauguración do salón turístico GastroTur do Ulla. Na cita, que celebra esta fin de semana a súa primeira edición no Recinto Feiral da Estrada, a Deputación de Lugo enxalza os concellos de Antas de Ulla, Palas de Rei e Monterroso e tamén o resto da provincia, ofrecendo aos visitantes material divulgativo da contorna a través dun expositor.
“Na Deputación de Lugo levamos tempo traballando nun modelo de turismo que xira en torno ás experiencias. Traballamos cada día por impulsar e potenciar un turismo de calidade, de proximidade e sostible, capaz de conmover ao visitante”, valorou García Porto durante o acto inaugural. Engadiu a Deputada que “esta feira vai en liña con esa forma de entender a promoción do territorio e por iso estamos aquí, cun expositor, formando parte desta primeira edición que seguro que será un éxito”.
Utilizando o Ulla como fío condutor, GastroTur do Ulla nace coa vontade de promocionar as riquezas e singularidades da zona situada á beira deste río. Entre as actividades previstas que se celebrarán estes días haberá diferentes charlas sobre gastronomía, turismo e deportes. Ademais, o recinto –cunha superficie expositiva de 8.500 m2- acollerá unha exposición do Campionato Internacional de Pesca do Salmón, un foro de negocios e simuladores de viaxes sensoriais polo territorio.