A Deputación esixirá á Xunta que manteña o número de docentes no colexio de Portomarín

LugoXa
Pilar García Porto detalla que reclamarán no Pleno de setembro que a Consellería de Educación garanta, como mínimo, o mesmo cadro de profesorado do ano pasado
Deputación-CEIP-Plurilingüe-Virxe-da-Luz-de-Portomarín
7 Sep 2025

O Grupo Socialista da Deputación de Lugo levará ao Pleno do mes de setembro unha moción para esixir á Xunta de Galicia que rectifique a súa decisión de retirar un docente de Primaria no CEIP Virxe da Luz de Portomarín e que garanta, como mínimo, as mesmas condicións do curso anterior: catro docentes de Primaria e agrupamentos por ciclo, tal e como reclama a ANPA e a comunidade educativa.

A voceira socialista do Goberno, Pilar García Porto, detalla que a decisión da Consellería de Educación de reducir profesorado no CEIP Virxe da Luz chega, ademais, nun momento no que a matrícula volve incrementarse con respecto ao curso pasado, o que fai que a medida resulte aínda máis incomprensible. “Falamos de máis alumnado e menos profesorado, algo totalmente contrario á calidade educativa que se nos promete”, explica.

No curso 2024/2025 xa se intentara aplicar un recorte similar en Portomarín. “A Consellería comezou o ano con tres mestres de Primaria, o que obrigaba a agrupar nunha mesma aula alumnado de diferentes ciclos educativos —1º, 2º e 3º por un lado; 4º, 5º e 6º por outro— superando os límites establecidos nos acordos asinados entre a Xunta e os sindicatos. A protesta da ANPA e da comunidade educativa forzou finalmente á administración autonómica a dar marcha atrás e restituír o cuarto docente, recoñecendo que a decisión inicial fora errónea”.

Agora, só un ano despois, a Xunta pretende repetir o mesmo recorte, apoiándose nunha modificación legal introducida na Lei de acompañamento aos Orzamentos de 2025, que contempla unha redución progresiva das ratios por agrupamentos. Para o Grupo Socialista, trátase dun cambio “aprobado pola porta de atrás e que está a empregarse como escusa para recortar servizos básicos no rural, afectando aos centros máis pequenos, precisamente os que máis apoio precisan”.

Ademais, lembran que a propia normativa establece que, mentres non entren en vigor as novas ratios, deben manterse como mínimo as condicións do curso anterior, polo que non existe ningún impedimento legal para manter os catro docentes en Primaria. “A Consellería está aplicando unha interpretación interesada e restritiva da norma, ignorando as excepcións previstas e mesmo as súas propias promesas de mellora do sistema educativo”, denuncian.

A situación vese agravada pola falta de cobertura da praza de especialista de Inglés, que permanece vacante malia ser fundamental para a organización do centro. Para o Grupo Socialista, “todo isto demostra un desleixo preocupante cara ao ensino no rural, onde cada perda de recursos supón un golpe directo á igualdade de oportunidades e ao dereito a unha educación pública de calidade”.

“Non se pode falar de fixar poboación no rural, de apoiar ás familias e de mellorar a educación pública mentres se aplican medidas que van xusto na dirección contraria. A educación é un servizo esencial, non unha variable de axuste orzamentario. E se a Xunta non rectifica, serán os nenos e nenas de Portomarín e doutros moitos concellos os que paguen as consecuencias”, conclúen os socialistas.

⚙ Configurar cookies
0.21636199951172