A Deputación expón ao alumnado da USC a xestión das reservas Terras do Miño

TerraChaXa | LugoXa
A xornada desenvolveuse na Casa das Insuas, onde tamén se lle amosou aos estudantes o mecanismo de custodia do territorio que a institución provincial ten en marcha coas Insuas do Miño e os Ollos de Begonte para contribuír á súa correcta conservación e posta en valor.
xestion reservas biosfera usc rabade casa das insuas
25 Oct 2023

A xornada desenvolveuse na Casa das Insuas, onde tamén se lle amosou aos estudantes o mecanismo de custodia do territorio que a institución provincial ten en marcha coas Insuas do Miño e os Ollos de Begonte para contribuír á súa correcta conservación e posta en valor.

A Deputación de Lugo ensinoulle esta semana a unha vintena de alumnos e alumnas da Universidade de Santiago de Compostela a importancia da xestión do territorio das Reservas da Biosfera Terras do Miño e Os Ancares Lucenses e Montes de Cervantes, Navia e Becerreá para favorecer a súa protección e conservación, así como o seu desenvolvemento sostible. Na xornada, que se celebrou na Casa das Insuas, en Rábade, participaron estudantes dos másteres en Enxeñería de Montes, que se imparte na Escola Politécnica de Lugo, e en Enxeñería Ambiental, que ofrece a Escola Técnica Superior de Enxeñería de Santiago.

A Deputación colabora dende o ano 2017 con esta actividade universitaria, de maneira que unha das visitas que teñen os alumnos e alumnas das materias Planificación e xestión de espazos naturais protexidos e Planificación de sistemas naturais -que se imparten nestes másteres- é ás reservas Terras do Miño e Os Ancares Lucenses, xestionadas pola institución provincial. Esta acción formativa impártea persoal da área de Medio Ambiente da Deputación e vén a completar as leccións teóricas que abordaron na clase.

Na visita tamén estivo presente o profesor da USC e científico do Órgano Reitor da Reserva da Biosfera de Terras do Miño Alberto Rojo Alboreca. Explicóuselle aos alumnos e alumnas o que é unha Reserva da Biosfera, que obxectivos ten e, sobre todo, como se xestiona.

Custodia do territorio

Nesta ocasión, tamén se lles falou do acordo de custodia do territorio que ten a Deputación coa Asociación Galega de Custodia o Territorio para a xestión das Insuas do Miño e Ollos de Begonte, espazos dun gran valor ambiental que son propiedade da institución provincial e que forman parte da Zona Núcleo da Reserva Terras do Miño e da Rede Natura 2000. Presentáronse os resultados do primeiro acordo de custodia do territorio (2014-2018) neste territorio, e tamén os obxectivos que a Deputación se marcou neste segundo acordo que está en vigor dende setembro de 2020 por catro anos.

Neste sentido, expúxose a custodia do territorio como unha estratexia para a xestión da contorna que axuda aos propietarios, ben sexan públicos ou privados, a conservar a diversidade biolóxica, a paisaxe e o patrimonio cultural.

Divulgación ambiental

Esta actividade universitaria enmárcase nos obxectivos do Programa MaB de utilizar as Reservas da Biosfera para a investigación, a observación permanente, a educación e a capacitación. Por iso, faise un esforzo importante dende a Deputación para a divulgación a todos os niveis educativos (primaria, secundaria, bacharelato, ciclos de formación profesional e a universidade) e a todos os sectores económicos, coa finalidade de formar, sensibilizar e promover unha conciencia pública.

0.1907160282135