A Deputación expón o seu modelo de residencias na Conferencia sobre Envellecemento

LugoXa
O Secretario de Estado para a Unión Europea, Pascual Navarro, clausurou o encontro, no que se puxeron sobre a mesa medidas para configurar a axenda europea en materia de envellecemento e reto demográfico.
conferencia internacional lugo
8 sep 2023

O Secretario de Estado para a Unión Europea, Pascual Navarro, clausurou o encontro, no que se puxeron sobre a mesa medidas para configurar a axenda europea en materia de envellecemento e reto demográfico.

O Deputado de Promoción Económica e Social, Pablo Rivera Capón, expuxo este venres o modelo dos Centros de Atención a Maiores implantado pola Deputación como medida replicable en Europa no marco da conferencia de alto nivel da Presidencia Española do Consello da UE que converteu a Lugo esta semana no epicentro comunitario do debate e toma de decisións sobre envellecemento e reto demográfico.

O Deputado interveu no segundo panel técnico, Economía Prateada e a Problemática Asistencial, onde falou das políticas sociais que ten en marcha a institución provincial coa rede de residencias como buque insignia. Explicou ante os expertos e membros da Unión Europea asistentes ao foro que a Deputación apostou dende o ano 2007 por crear un modelo público de atención ás persoas maiores “innovador e eficaz” fronte ao reto demográfico. Un modelo deseñado para reconverter o alto índice de envellecemento da provincia “nunha oportunidade de desenvolvemento sostible”.

Rivera Capón destacou que esta decisión política resultou ser todo un acerto porque neste tempo o funcionamento destes centros “están a ter unha moi boa acollida e o modelo asistencial ás persoas maiores da Deputación é xa un referente en España e Europa”, pois foi recoñecido polo Goberno central e tamén exposto, ata en tres ocasións, na Semana Europea das Rexións e Cidades, o maior evento anual de política rexional de Europa. Así mesmo, amosouse convencido que este modelo “é extrapolable a outros territorios da comunidade europea”.

As políticas sociais son un compromiso prioritario do Goberno provincial, ás que dedica máis dun terzo do total do Orzamento, chegando aos 37M€ neste ano 2023 para accións vinculadas cos servizos sociais, benestar, atención ás persoas maiores, igualdade, cultura, deportes, mocidade, memoria histórica, educación ou fomento do emprego. “Nestes últimos anos pasamos de tres Centros de Atención a Maiores en funcionamento, a ter hoxe 9 residencias abertas, co que multiplicamos por tres o número de centros en marcha nos que ofrecemos 300 prazas asistenciais e cos que creamos uns 230 empregos directos, o 95% deles ocupados por mulleres”, o que resulta “vital para afrontar o reto demográfico”, afirmou Rivera Capón.

Lembrou que estes 9 centros en funcionamento da Deputación, están situados en Trabada, Ribadeo, Pol, A Fonsagrada, Castroverde, Pedrafita do Cebreiro, Meira, Navia de Suarna e Ribas de Sil. Ademais, a institución provincial segue avanzando nos proxectos que están en marcha, na Pontenova, Guitiriz, A Pobra do Brollón, Portomarín, Ourol, Folgoso do Courel, Pantón, Becerreá e Cervantes.

O Deputado compartiu mesa de debate -moderada pola Dirección Xeral de Coordinación do Mercado Interior e Políticas Comunitarias- con Olga López, Concelleira de Inclusión, Benestar Social e Persoas Maiores do Concello de Lugo, co Director do Instituto de Maiores e Servizos Sociais (IMSERSO), José Augusto García Navarro, co presidente da Sociedade Española de Xeriatría e Xerontoloxía (SEGG), David Curto, e co director Médico e de Calidade de Sanitas Maiores.

O Secretario de Estado para a Unión Europea, Pascual Navarro, clausurou o encontro, no que se puxeron sobre a mesa medidas para configurar a axenda europea en materia de envellecemento e reto demográfico.

0.08709192276001